HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu apela ao consumo responsable da auga e aplicará...

O concello de Bueu apela ao consumo responsable da auga e aplicará algunhas medidas ante a prealerta por seca

- Anuncio -spot_img
  • A partir do luns cortarase a auga nas duchas e lavapés das praias e incídese en que a cidadanía reduza os consumos non imprescindibles  

O Concello de Bueu apela ao consumo responsable da auga por parte da cidadanía. O goberno local mantivo este venres, 8 de agosto, unha reunión na que se valorou a situación de prealerta activada por Augas de Galicia debido á seca da zona do Río Lérez e Ría de Pontevedra na que se insire o municipio bueués, e na que se decidiron as medidas a aplicar para reducir o consumo e optimizar a xestión da auga.

Entre as primeiras medidas a adoptar están o corte a partir deste luns da auga das duchas e lavapés nas praias, agás en Area de Bon, Lagos e Mourisca dado que estas últimas contan con pozos propios e non dependen da rede municipal de augas. Así mesmo, restrinxirase o uso excesivo de auga en todas as actividades e dende o Concello volveranse a valorar estas circunstancias e adaptalas á nova realidade. Así mesmo, apélase ao consumo responsable por parte dos colectivos organizadores de actividades de ocio e lúdicas.

En canto aos xardíns municipais, o goberno manterá o rego neles pero cunha redución na franxa horaria. Esta decisión adóptase debido a que estes espazos non contaron cun coidado óptimo nas semanas previas debido a baixas do persoal municipal, e é preciso esta rega para a recuperación dos mesmos.

Dende a Alcaldía ditarase un bando no que se incidirá na necesidade de reducir os consumos e se limiten aquelas actividades non imprescindibles, como é o caso do enchido de piscinas.

Por outra banda, o consistorio xa solicitou a FCC Aqualia, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de auga, os datos diarios de caudal captado e caudal subministrado ás persoas usuarias e informes de incidencias. Con eles, o goberno irá valorando diariamente a situación para adoptar, no caso de ser necesario, outras medidas.

Publicacións Relacionadas