HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu asina a cesión de tres parcelas para a...

O concello de Bueu asina a cesión de tres parcelas para a construción de 21 vivendas protexidas

- Anuncio -spot_img
  • Este venres celebrouse o acto de sinatura nas Lagoas por parte do alcalde de Bueu e da Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
  • Alcalde e conselleira coincidiron en que “hoxe é un día moi importante para Bueu” e destacaron o traballo conxunto entre as dúas administracións

Conta atrás para que Bueu poida dispoñer dun edificio de vivendas protexidas a comezos de 2028. Iso será posible grazas ao acordo entre o Concello de Bueu e a Xunta de Galicia que se leva fraguando varios meses e que este venres se manifestou publicamente no acto de sinatura do convenio para a cesión de parcelas para a construción de 21 vivendas públicas.

O acto tivo lugar á media mañá no parque das Lagoas, moi preto do aparcadoiro de Santán, que é onde se sitúan as tres parcelas municipais que o Concello cede á Xunta para esa promoción. Tanto Félix Juncal, alcalde da vila, como María Martínez Allegue, Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, coincidiron en que “hoxe é un día moi importante para Bueu” e destacaron o traballo conxunto entre as dúas administracións.

O alcalde comezou a súa intervención poñendo o foco en que “hoxe é un día importante para Bueu, para as veciñas e veciños que están sufrindo as consecuencias das dificultades de acceder a unha vivendas nas mellores condicións e nun contexto inflaccionista”. O alcalde aludiu a que a demanda de vivenda protexida para a vila xa vén de atrás coa aprobación dunha moción por parte do goberno no ano 2021, e que frutificou para que dende novembro do 2024, e despois de varias xuntanzas cos responsables autonómicos, comezase a ser unha realidade. Juncal louvou tamén vivendas públicas e fixo alusión ao PXOM, que “converte a Bueu nun dos poucos municipios do país que conta cun planeamento urbanístico que permita ter solucións para atender cuestións coma esta”.

A Conselleira salientou que “é importante que se segue a construír vivenda compatibilizando o mercado libre coa de promoción pública”. Martínez Allegue anunciou que dende este venres xa está publicada a licitación para que proxectistas redacten as súas ofertas e cuxo prazo remata o 23 de xaneiro. “Traballaremos arreo para que sexan unha realidade o antes posible, contamos que a principios de 2028”, resaltou. Así mesmo tamén puxo de manifesto a preocupación do goberno galego para ofrecer vivenda pública en réxime de venda como de alugueiro, e cunha especial atención á mocidade.

O ámbito de actuación correspóndese con tres parcelas colindantes entre si e que suman 1000 metros cadrados, nas que se prevén un total de 21 vivendas públicas, con garaxes e trasteiros. Nelas investiranse 4 millóns de euros, e a licitación do contrato de redacción do proxecto farase a través da Sociedade de Vivenda Pública (Vipugal), organismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. O horizonte é que no próximo verán eses documentos estean listos e se poida continuar coa tramitación.

O goberno local bueués leva moitos anos reivindicando a construción de vivenda protexida en Bueu. Xa en 2021 se aprobou unha moción plenaria para esixir á Xunta de Galicia un convenio de vivenda protexida, e tamén se mantiveron varios encontros cos responsables autonómicos.

O Concello de Bueu actuou con celeridade e xa a principios deste ano 2025 se aceptou a cesión desas parcelas. Despois aprobouse unha modificación na ordenanza reguladora do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) que inclúe bonificacións do 95% para aqueles proxectos de especial relevancia ou interese social, como é este caso, e que se acordou por unanimidade de todos os grupos do pleno. Posteriormente, adoptouse outro acordo para ceder de maneira gratuíta a Vipugal as tres parcelas, e finalmente aprobouse no pleno do pasado 24 de novembro esa cesión definitiva.

Publicacións Relacionadas