HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu busca imaxes antigas para construír un arquivo fotográfico

O concello de Bueu busca imaxes antigas para construír un arquivo fotográfico

- Anuncio -spot_img
  • A iniciativa “Bueu en imaxes” presentarase este xoves, 23 de outubro, ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester
  • O obxectivo é recompilar fotos antigas para reivindicar a memoria individual e colectiva da vila

O Concello de Bueu, coa colaboración do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), busca imaxes antigas para constituír un arquivo fotográfico da vila, unha iniciativa que ten como obxectivo recuperar e conservar a memoria fotográfica. Así se avanzou na rolda de prensa celebrada este martes e na que estiveron presentes Carmen García, concelleira de cultura, Alberto Moital, edil de patrimonio cultural, e María Ruíz- Falcó, codirectora do FICBUEU. A iniciativa, que leva por título “Bueu en imaxes”, presentarase publicamente este xoves, 23 de outubro, ás 20.00 horas na Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu, polo que se anima á cidadanía a asistir para coñecer máis do proxecto.

Carmen García salientou que “queremos crear un arquivo fotográfico e un fondo local de imaxes coas que preservar a memoria e organizar exposicións”. María Ruíz incidiu en que “facilitaremos que a poboación poida achegar as fotografías de antes do ano 2000 e que se escaneen en boa calidade, ademais de crear unha base de datos na que se clasifique por temática, autoría, data e persoa cedente”.

O proxecto nace dende o consistorio coma unha forma de reivindicar a memoria individual e colectiva, de analizar a historia local a través das imaxes e de tentar construír un fondo que poida estar a disposición de calquera persoa que o desexe consultar. Para iso se contará co equipo do FICBUEU, que colaborarán na dixitalización das imaxes que a cidadanía vaia traendo e dende onde tamén intervirán nos centros educativos. Alberto Moital, edil de patrimonio, fixo fincapé na busca de imaxes a través dos colexios, pois “os nenos e nenas poderán actuar como conectores coas propias familias e ser partícipes da recolección”.

A idea deste ano é recompilar as imaxes relacionadas con costumes e tradicións, e o plan é poder desenvolver a actividade nos próximos anos con outras temáticas.

A veciñanza poderá entregar as fotografías para dixitalizalas a partir do luns, 27 de outubro, e ata o 15 de decembro. O horario será os luns e os mércores de 10 a 19 horas.

Publicacións Relacionadas