- As sesións celebraranse o 17 e 22 de outubro ás 17.30 horas nas bibliotecas municipais co obxectivo de dinamizar e achegar a lectura á cativada
O Concello de Bueu segue a promover o uso das bibliotecas municipais como espazos de encontro e lecer con propostas para o público miúdo. Para iso organiza unha nova xeira de “Contos na biblioteca”, que terá dúas sesións de contacontos en outubro nas bibliotecas municipais e que coincide coa efeméride do Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro.
O programa desenvolverase o 17 e o 22 de outubro ás 17.30 horas nas bibliotecas municipais. A primeira das actividades será “A corpo contado” de Charo Pita, da que se poderá gozar o 17 de outubro na Biblioteca Municipal de Beluso. Neste espectáculo nárranse contos onde as personaxes protagonistas serán diferentes e marabillosas e de todo o mundo.
A seguinte será o 22 de outubro, á mesma hora, na Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu, coa actividade “A alquimista”, de Cristina Collazo. O argumento narra a vida de Flora, quen vive acubillada entre pocións, plantas e libros. Con ela, os cativos e cativas aprenderán a facer experimentos básicos, así como inventoras das que nunca escoitaron falar.
A iniciativa, que se insire no marco do programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia, leva organizándose dende hai dous anos con gran éxito de público e con propostas que mostran que as bibliotecas son lugares ideais para compartir e vivir novas vidas. Dende a concellaría de cultura e bibliotecas, dirixida por Carmen García, preséntanse agora dúas novas obras que encherán as bibliotecas de amor polas palabras co fin de achegar a lectura á cativada.
A información sobre as actividades pode consultarse completa na web de Ler Conta Moito.

