- O concurso, que tivo unha gran acollida na primeira edición, pretende ser un escaparate para promover a creación artística entre os novos talentos, ademais de poñer en valor a figura do artista bueués José Benito Otero Baena
- As persoas interesadas en participar poderán enviar as súas propostas pictóricas ata o 30 de maio, e as mellores conformarán unha exposición na Sala Domínguez Búa
O Concello de Bueu abre o prazo do II Certame de Pintura “Otero Baena” para artistas noveis, co que se pretende contribuír a promover a creación artística ao tempo que se dá a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena. O extracto do anuncio foi publicado xa no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), polo que as persoas que desexen enviar as súas propostas pictóricas poderán facelo ata o 30 de maio, e logo as mellores formarán parte dunha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa. Con este motivo, Carmen García, concelleira de cultura, e a familia do artista organizaron a comezos de semana un acto público xunto á casa de Eduardo Vincenti 9, enfronte da Casa Consistorial.
O certame vai dirixido a todos/as aqueles/as artistas noveis, maiores de 18 anos, cuxa obra presentada terá que ser inédita e orixinal. A temática será de libre elección e admitirase calquera técnica de pintura, cunha medida máxima do soporte de 1 m de ancho por 1 m de alto, podendo presentar os seus traballos as persoas de forma individual ou colectiva.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de maio, e constará de dúas fases: as persoas interesadas en participar poderán inscribirse antes do 30 de maio enviando por correo postal ao enderezo “Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti nº 18, 36930” un CD ou USB nun sobre que incluirá na cuberta “II Certame de Pintura Otero Baena do Concello de Bueu”, no que se incluirán os arquivos da obra que concorre ao certame (xunto ás características da mesma, como título, técnica, medidas, e ano de realización), e noutro documento de texto Word, OpenOffice ou PDF, un breve currículo do autor ou autora coa traxectoria artística desenvolvida ata o momento, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico, amais dunha declaración responsable onde conste que a obra é orixinal. Unha vez revisada a documentación por parte do persoal do Concello de todas as obras inscritas, convocarase a un xurado, de recoñecido prestixio, que será o encargado de facer unha preselección dun máximo de 25 obras, que son as que formarán parte da exposición na Sala Amalia Domínguez Búa. Ademais, o xurado seleccionará outras cinco obras de reserva, por se algunha das elixidas rexeitan participar na exposición. Unha vez seleccionadas as obras participantes, os e as artistas presentaranas en formato físico no Concello de Bueu antes do 20 de maio, solicitando cita previa para a entrega presencial a través do correo comunicacion@concellodebueu.gal, ou ben a través de envío con axencia de transporte ao enderezo Concello de Bueu, rúa Eduardo Vincenti nº8 Bueu.
A exposición poderase ver dende o 15 ao 31 de xullo, e nesa franxa tamén se organizará a gala de entrega do premio á persoa que resulte gañadora dun premio dotado con 1.500 euros.
Segundo establecen as bases, que se poden consultar completas na web municipal, o premio contará cun xurado de importante nivel. Serán unha persoa dunha fundación artística, do Museo Massó, da Facultade de Belas Artes, un artista e un galerista.
A revitalización do legado de Otero Baena
O Concello de Bueu leva anos traballando na recuperación e visibilización da figura de Otero Baena da man da familia e co obxectivo de dalo a coñecer tanto entre a veciñanza da vila como ás persoas visitantes. Ese traballo arrancou en xullo de 2022 coa descuberta da placa na súa vivenda en Eduardo Vincenti, 9, moi preto da Casa Consistorial. Xa no 2023 tivo lugar a posta en marcha do I Certame de Pintura ‘Otero Baena’ para artistas noveis, no que se presentaron cincuenta e dous traballos e que supuxo todo un revulsivo para este concurso que se convocará cada dous anos. Precisamente, en xuño dese ano e coincidindo co seu centenario, organizouse unha exposición dos traballos finalistas do certame e que contou cunha gran asistencia de público. Xa este ano, o 19 de xullo tiveron lugar no Centro Social do Mar unhas xornadas nas que participaron Carmen García, concelleira de cultura, Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra, e os artistas Elena Bangueses e Antón Sobral.
Otero Baena destaca polo seu manexo da espátula, instrumento co que realiza as súas obras máis características, nas que representa escenas mariñeiras da súa localidade natal, cun interese especial polas embarcacións tradicionais e un uso moi persoal da cor. Mantería ese interese ao longo do tempo, aínda que despois da paréntese creativa á que o obrigou o seu labor como alcalde e as súas ocupacións laborais, cando retomou a pintura a finais dos anos 80, o seu estilo evolucionou aos tons suaves e unha constante procura da luz. Ao final da súa vida, buscou con determinación a sinxeleza, en paisaxes nas que está ausente todo o superfluo. Unha parte da obra puido verse o pasado ano na exposición “Un pintor sen pinceis” do Museo de Pontevedra.
José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática.