- A iniciativa desenvolverase o 15 de marzo ás 10.30 horas e pretende poñer en valor o papel das mulleres ao longo da historia da vila bueuesa
O Concello de Bueu e a Asociación A illa dos Ratos organizan unha ruta para dar a coñecer a historia das mulleres de Bueu, e que se celebrará o 15 de marzo. Para explicar a iniciativa tivo lugar este venres unha rolda de prensa na que estiveron Laura Ogando, concelleira de igualdade, e Óscar Rodríguez e Lucía Sotelo, en representación da asociación.
A ruta organízase co gallo do Día Internacional das Mulleres e nela poñerase en valor o importante papel das mulleres ao longo da historia da vila de Bueu en diferentes ámbitos como a pesca, a educación, a cultura, o deporte ou a política. Ademais coñeceranse algúns detalles da traxectoria de figuras importantes de diferentes épocas con nome propio como a mestra Matilde Bares, a filántropa Amalia Domínguez Búa, a recadeira “A Mundina”, ou as poetas contemporáneas Lucía Novas e Miriam Ferradáns. As súas achegas á sociedade mesturaranse con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as redeiras, protagonistas do matriarcado do mar. A ruta terá lugar o 15 ás 10.30 horas e as persoas que desexen participar poderán inscribirse previamente e de balde no whatsapp 611080853.
Laura Ogando salientou que “necesitamos que a xente coñeza e identifique as mulleres referentes do Concello de Bueu, pois é preciso moita didáctica para recuperar a historia agochada”. Na mesma liña interveu Óscar Rodríguez, quen destacou que “é preciso que descubramos as figuras relevantes de Bueu en clave feminina”.
Esta ruta arrancará dende a escultura de José Solla na Praza Massó e fará un percorrido circular polo casco urbano bueués para rematar onde a cheminea no mesmo espazo, e xa se avanza que participarán algunhas mulleres protagonistas que tamén contarán a súa experiencia. Ademais, dende a asociación xa anunciaron que nos próximos meses se organizarán, co apoio do Concello, máis rutas por outros espazos da vila, nos que se dará a coñecer a historia de Massó ou Ermelo, entre outras.