HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu elaborou un estudo para dinamizar a praza de...

O concello de Bueu elaborou un estudo para dinamizar a praza de abastos

- Anuncio -spot_img
  • O informe, valorado en 17.000 €, contou cunha subvención da Xunta de Galicia, e nel faise unha diagnose así como propostas de actuación de cara os vindeiros anos

O Concello de Bueu conta cun estudo para dinamizar a Praza de Abastos, no que se propoñen alternativas para incrementar os usos deste espazo con tanta tradición na vila. Isto forma parte das medidas implementadas dende hai anos polo goberno local para tentar mellorar este lugar e convertelo en “mercado excelente”. Así o destaca Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, quen fai fincapé tamén en que “é preciso seguir apostando pola nosa Praza de Abastos, porque é sinónimo de calidade e da nosa historia mariñeira, pero tamén necesitamos adaptala aos cambios nos hábitos de consumo da poboación”.

O informe, que xa foi entregado ao Concello de Bueu por parte da empresa adxudicataria, Rural Consulting, inclúe un estudo de mercado e do impacto económico actual e potencial da Praza de Abastos na súa contorna, un proceso participativo para a recollida de percepcións e opinións sobre o mercado por parte dos praceiros e praceiras e persoas usuarias, a descrición da oferta e a demanda, o nivel de ocupación e a diversidade coa inclusión dos postos activos do mercado, así como as posibles actuacións de mellora do mesmo, estratexia de optimización e redimensionamento de usos, a avaliación dos procedementos administrativos relativos á adxudicación dos postos do mercado, unha análise DAFO, e a análise de propostas necesarias para a obtención do selo de mercado excelente.

O informe elaborouse no marco das subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia e a dinamización e revitalización das prazas de abastos, e tivo un investimento de preto de 17.000 €.

Unha das medidas correctoras é a posta en valor da oferta dos produtos de proximidade como son o peixe e o marisco, a carne, a froita e a creación de novos postos de flores, unha panadería e outro de produtos pensados para o mercado local e as persoas visitantes. Outro sería promover o mercado como lugar de encontro, con novos servizos como espazos gastronómicos, escolas de cociña ou zonas para a celebración de pequenos eventos. Tal e como se reflicte no estudo, “o que se está a fomentar é que os mercados volvan ser o que sempre foron, espazos de encontro dos veciños, lugares centrais e destacados da vida local, escaparates da gastronomía local e edificios de visita obrigada para os que chegan á localidade”. Así, a idea é aproveitar o 2º andar da Praza para realizar clubs gastronómicos e escolas de cociña nas que se poñan en valor a alimentación saudable e a conservación da gastronomía da zona.

O estudo tamén pon o foco en diversas melloras das infraestruturas para adaptar a instalación ás tendencias actuais. Así, proponse mellorar o aspecto xeral do mercado a través da modernización exterior dos postos, unificando a sinaléctica comercial e facendo actuacións decorativas que o fagan mais agradable para a clientela; mellorar a iluminación para resaltar os produtos e facilitar as compras; crear zonas de descanso, eliminando as bancadas sen ocupación; trasladar os obradoiros de carnicería á planta baixa e incorporalos aos postos para facilitar e promover o seu uso; e instalar unha consigna de frío que permitiría que a clientela puidese recoller os seus pedidos fóra do horario comercial.

E, por último, a Praza de Abastos bueuesa terá o potencial de abrirse ao mar dende o 2º andar onde se propón a creación dunha zona de apoio a novos emprendementos, iniciativa que xa está funcionando noutros mercados da contorna.

Publicacións Relacionadas