HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu entrega este sábado os premios Johan Carballeira de...

O concello de Bueu entrega este sábado os premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo

- Anuncio -spot_img
  • O acto terá lugar ás 12.00 horas no salón de plenos da Casa do Concello e nel participarán os gañadores Cláudia Morán Mato e Eugenio Outeiro Lojo
  • A gala contará coa actuación musical e poética de Cintaadhesiva, grupo conformado por Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada

O Concello de Bueu organiza o próximo sábado, 22 de novembro, o  acto de entrega dos Premios Johan Carballeira, que terá lugar ás 12 horas no salón de plenos da Casa Consistorial e ao que asistirán Eugenio Outeiro Lojo, gañador na categoría de poesía, e Cláudia Morán, na de xornalismo. Ademais, contarase coa actuación de Cintaadhesiva, un proxecto literario-musical que pivota no fío condutor da música de Jesús Andrés Tejada e os textos de Silvia Penas, que van dotando de significado as melodías, os ritmos, a cadencia e as imaxes.

Eugenio Outeiro Lojo resultou gañador da categoría de poesía coa obra Réquiem; e Cláudia Morán e Manolo Broa fixéronse co galardón na de xornalismo coa reportaxe ‘Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume’, publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza de Nós Diario.

Eugenio Outeiro Lojo é licenciado en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi membro da directiva da AGAL e actualmente traballa como profesor de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo. Publicou poemas en diversas revistas como Ólisbos, Agália ou Sítio. Entre as súas obras publicadas destacan Às vezes vida e Mordida.

Pola súa banda, Cláudia Morán é graduada en Xornalismo pola Universidade Ramon Llull e Máster en Xornalismo especializado en Política Internacional pola Universidade Pompeu Fabra. Traballou en La Voz de Galicia, Revista Luzes, Axencia EFE (Bruxelas), Radio Coruña-Cadena Ser e Cope Barcelona. Actualmente colabora en diversos medios de comunicación, e recibiu o galardón 20Blogs polo blog colectivo Goldman Sachs is not an Aftershave e o premio Comunicar en Igualdade da Xunta de Galicia pola reportaxe colectiva “As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións”.

Historia dos premios

Os premios, dotados con 1.500 euros en cada categoría, naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.

Este certame ten premiado a xornalistas e persoas recoñecidas deste mundo como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Héctor Pena…

E na categoría de poesía, forman parte do seu palmarés nomes como Xosé Carlos Caneiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Lucía Novas, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde, Arancha Nogueira …

Publicacións Relacionadas