- Os obradoiros terán lugar en instalacións municipais e van dirixidos a persoas maiores de 50 anos
- Para participar é preciso inscribirse previamente no enderezo electrónico benestarsocial@concellodebueu.gal
O Concello de Bueu, a través do departamento de benestar social, ofrece á cidadanía tres cursos inseridos no programa “Reto Dixital” da Deputación Provincial de Pontevedra. Os obradoiros serán o uso da banca móbil e as compras electrónicas, o Sergas, a súa aplicación electrónica e Telea, e as redes sociais. Aínda coas datas pendentes de confirmación, van dirixidos a persoas de máis de 50 anos, as cales se poderán inscribir no enderezo electrónico benestarsocial@concellodebueu.gal, con nome e apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto.
O programa “Reto dixital” ofrece formación dixital para persoas maiores de 50 anos da provincia, co obxectivo de facilitarlles o acceso aos servizos da administración electrónica, dotalas dunha maior autonomía na xestión de trámites cotiáns e mellorar a súa calidade de vida.
O Concello de Bueu ten organizado nos últimos anos diversas xornadas formativas sobre novas tecnoloxías, que contan cunha gran participación e interese da cidadanía.