- Música, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello para estas datas
- A maioría dos eventos programados terán lugar na carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas
O Concello de Bueu organiza un amplo programa de actividades para celebrar as Festas do San Martiño, que se desenvolverán entre o 8 e o 12 de novembro. Música, teatro, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello para unhas festas variadas e diversas, que seconcentrarán na súa maioría, e tal e como é habitual, na carpa situada en As Lagoas.
Carmen García, concelleira de cultura, salienta que “se trata dunha festa con eventos variados e amplos dos que poderán gozar todos os públicos durante cinco días”. Así o manifestou na rolda de prensa celebrada este xoves na que estivo acompañada de Ricardo Verde, concelleiro de deportes, e doutros representantes dalgúns colectivos participantes e colaboradores.
O programa arrancará o sábado 8 de novembro cun encontro de Entroidos do sur da Provincia de Pontevedra, unha proposta que naceu do investigador local José Manuel Dopazo Entenza, que leva a cabo un gran traballo a prol do coñecemento dos entroidos da nosa vila e tamén forma parte do colectivo de entroidos do sur de Pontevedra. Cos horarios aínda por fixar, a concelleira xa adiantou que haberá diversos coloquios pola mañá no Centro Social do Mar arredor dos entroidos e as diversas figuras. Pola tarde sairán polas rúas da vila as figuras do Entroido que rematarán na carpa.
Na carpa de As Lagoas poderase gozar de xogos tradicionais e inchables entre as 11 e as 13 horas. Xa pola tarde, ás 17 horas desenvolverase a XXVIII Carreira de San Martiño polas rúas da vila, coa colaboración do Club de Atletismo Corredoiras, e na que poderán participar nenos e nenas e persoas adultas nun percorrido que decorrerá polas rúas do casco urbano. Pola noite, haberá verbena ás 22 horas co grupo Festicultores Troupe e Moe Dj na carpa.
O domingo terá lugar un magosto popular a partir das 17 horas. O Social do Mar acolle ás 18.30 horas o III Concerto de Corais San Martiño de Bueu no que participarán as agrupacións de música coral da vila, como a Coral Polifónica de Bueu, a Coral Polifónica Marusía, a Coral Polifónica de Beluso e o Coro de Cela- Lestonnac de Cangas. Pola noite, haberá verbena a partir das 20.30 horas con Distrito 7.
O luns, a carpa acollerá xogos tradicionais e inchables entre as 17 e as 19 horas. E pola noite, a partir das 21 horas, verbena coa orquestra Los Satétiles.
O martes 11, coincidindo coa festividade de San Martiño, será o día grande. Das 11 ás 13 horas e das 17 ás 19 horas haberá xogos tradicionais e inchables na carpa. Ás 12 terán lugar na Igrexa de San Martiño os oficios relixiosos na honra de San Roque coa Coral Polifónica Marusía. Pola noite, a orquestra Magos pechará as festas cunha gran verbena a partir das 20.30 horas.
Os festexos rematarán o mércores, coa animación de rúa a cargo da charanga Os Jaláticos entre as 11 e as 14 horas, e os oficios relixiosos na honra de San Roque coa Coral Polifónica de Bueu ás 12 horas.
Ademais, do 9 ao 11 de novembro, a Asociación Cultural Santos Reis organiza, como vén sendo habitual, a XXVI Mostra de Fotos Antigas, que se poderá ver no adro pequeno da igrexa, e que amosará fotos históricas de paisaxes e xentes de Bueu.

 
                                    

