HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu organiza en agosto o "Verán na Rúa", con...

O concello de Bueu organiza en agosto o “Verán na Rúa”, con espectáculos e cinema

- Anuncio -spot_img
  • Todos os martes haberá espectáculos familiares na Praza Massó, mentres que o cinema será os xoves e alternarase por diversos espazos da vila

O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura, organiza este mes de agosto o ‘Verán na rúa’, un proxecto con espectáculos para a cativada que incluirá diversas disciplinas como monicreques ou malabares, e tamén cinema.

As actividades de espectáculos desenvolveranse todos os martes de agosto a partir das 20.30 horas na Praza Massó, mentres que o cinema será os xoves ás 22.00 horas e irase alternando por diversos lugares das tres parroquias. O obxectivo é ofrecer alternativas de lecer para os pequenos e pequenas e para compartir en familia durante o verán.

As actividades arrancarán o martes 5 de agosto con Assircópatas e “Rogelio 3. La Fête”, na que atopamos ao pallaso Rogelio, unha creación do actor Dani Blanco que se insire no programa + Escénicas da Deputación de Pontevedra. Nel proponse un espectáculo de circo, clown, corda frouxa, malabares, música e moito humor. Nesta obra xógase coa idea da celebración dun aniversario ao que non asiste e do que non se lembra ninguén.

O 12 de agosto, tamén co apoio do programa + Escénicas, será a quenda do Zirko Tkosko e o espectáculo “Távole”, que nos leva a un mundo de humor e reflexión. Inspirado nos problemas da sociedade actual,  e a través da linguaxe universal do circo, dous personaxes chegarán á conclusión de que a única solución a estes problemas é a convivencia, a comunicación e o  respeto.

O 19 de agosto, a proposta será “Chafallas, a vendedora de fume”, na que Cris Collazo bebe da esencia dos contos e cantigas tradicionais pero transformando o seu referente. A obra achéganos á literatura do rural galego e portugués dende a súa forma tradicional, contos cantados de xeito acumulativo, os enganos e embustes, o marabilloso, o retablo dos títeres, romances representados no cartelón.

E xa por último, o 26 de agosto poderase gozar de Henriko e o “Circo Cambuche” no que se recupera en clave de traxicomedia, a historia dun antigo circo do século pasado, O Circo Cambuche.

O cinema terá lugar todos os xoves ás 22 horas en diversas localizacións. Así, o 7 de agosto poderase gozar de “Flow” na Praza Massó; o 14, no Parque Joe Novas de Beluso, de “Del Revés 2” ; o 21 de agosto de “101 Dálmatas” no Torrecino de Cela; e por último, o 28 de agosto de “Saben Aquell” na Praza Massó. Os filmes son para todas as idades agás o de “Saben Aquell” que se recomenda para público adulto.

Publicacións Relacionadas