- As camiñadas desenvolveranse todos os martes de xullo e agosto e requírese inscrición previa de balde
O Concello de Bueu organiza o programa “Bueu no tempo”, no que se programarán unha serie de rutas patrimoniais e de posta en valor da historia mariñeira.
O programa comezará o próximo 1 de xullo, e iranse alternando diversas rutas sobre o patrimonio etnográfico, cultural e histórico da vila e a súa evolución ao longo do tempo, que se desenvolverán todos os martes de xullo e agosto a partir das 10 horas.
Para participar en todas estas rutas precísase inscrición previa de balde nun formulario online da páxina web, na Oficina de Turismo de Bueu, no enderezo electrónico turismo@concellodebueu.gal, ou no teléfono 986390029 (ext.5).
Estas rutas son unha continuación das levadas a cabo nas últimas tempadas estivais e noutras épocas do ano, e o que se pretende con elas é seguir dando a coñecer o Bueu de hoxe e do pasado, polo que se convida a participar tanto a persoas veciñas da vila coma visitantes que queiran coñecer máis as súas orixes.