• O da sardiña será o venres 20 e o do paxaro o domingo 22, ámbolos dous ás 17.00 horas con saída dende a rúa Montero Ríos e o percorrido polo centro urbano
O Concello de Bueu celebra, como xa vén sendo habitual, dous desfiles para celebrar o Entroido e encher as rúas da vila de orixinalidade e diversión.
O Desfile do Enterriño da Sardiña será o venres 20 de febreiro a partir das 17.00 horas. Debido á previsión de chuvia para o mércores, dende o consistorio e os colectivos participantes acordouse pospoñer o desfile ao venres. A comitiva, protagonizada polas asociacións de nais e país da vila e outros colectivos infantís, saíra dende a rúa Montero Ríos, con percorrido polas rúas da vila e remate na carpa de As Lagoas cunha sardiña de globos.
Pola súa banda, o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, encherá de cor as rúas da vila o domingo 22 de febreiro, a partir das 17.00 horas, cun gran desfile e a tradicional queima do paxaro na praia da Banda do Río, que coma nos últimos anos é elaborado polo artista local Tino Resille.
Inscrición Desfile Enterro do Paxaro
O Concello de Bueu lembra que aínda está aberto o prazo ata o venres para participar no Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e poder optar aos premios económicos nas diversas categorías. As bases poden consultarse na páxina web municipal.



