HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu presenta a exposición "Mareas de Sabedoría" de Salvador...

O concello de Bueu presenta a exposición “Mareas de Sabedoría” de Salvador Santos “Charri”

- Anuncio -spot_img
  • A mostra inaugúrase este venres, 27 de xuño, ás 20.00 horas no Centro Social do Mar
  • Este proxecto recolle fotografías de dezaseis veciños e veciñas da vila bueuesa que superan os 90 anos de vida e a través dos que se conta a historia individual e colectiva

A Sala Amalia Domínguez Búa acollerá entre o 27 de xuño e o 10 de xullo a exposición “Mareas de sabedoría”, de Salvador Santos ‘Charri’, e na que se recollen fotografías de dezaseis veciños e veciñas da vila que superan os 90 anos de vida. A través das súas fotografías, Charri pretende achegarnos unha panorámica destas persoas que representan unha xeración forte e valente e que pasaron grandes penurias nas súas vidas. O acto inaugural será o venres 27 ás 20.00 h no Centro Social do Mar e nel participarán os e as protagonistas.

Este fotógrafo afeccionado decidiu hai un ano crear un proxecto co que homenaxear ás persoas maiores da vila bueuesa e de aí xermolou un traballo que agora se recompila nesta exposición e que tamén inclúe un pequeno libro con algunhas vivencias e lembranzas destas persoas, que se configurou a partir das conversas que o propio fotógrafo mantivo con elas.

Tal e como se explica no folleto informativo, “as persoas maiores levan o peso da vida nas súas mans. Elas e eles son o noso legado e a loita do que hoxe somos. Esta mostra é unha homenaxe aos nosos veciños e veciñas, memoria viva de Bueu”. O obxectivo é, pois, transmitir as historias de vida e facerlles unha homenaxe ás persoas que tanto loitaron e grazas ás que Bueu é o que é. Unha homenaxe individual e colectiva.

Salvador é o artífice desta exposición. Nacido en Bueu en 1953, “Charri”, como é máis coñecido, criouse nunha familia mariñeira humilde. De neno empeza a traballar na pesca de baixura ao cerco no barco “Cadilla”, de mariñeiro co seu pai. Posteriormente foi de marmitón ao bacallau e aí empeza o seu percorrido polos diferentes caladoiros do Grand Sole, Nova York, Canarias, Sudáfrica ou Arxentina, entre outros.

Estivo no barco “Ancoradouro” de Jesús Tenorio de Moaña, e xubilouse no 2007 despois de 38 anos cotizados.

A súa paixón pola fotografía levouno a formar parte do colectivo Abrenoite, co que fixo a serie “Mariñeiros”. No ano da pandemia rendeulle homenaxe aos sectores esenciais na mostra “Esenciais”, que se puido ver no Estaleiro de Purro, e no 2024, aos deportistas da vila coa exposición “Orgullosos do noso” na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa.

Publicacións Relacionadas