- A declaración conmemorativa desta data vaina realizar o 25 de novembro ás 12 horas o alumnado do IES Johan Carballeira
- Este mes arrancaron os obradoiros de autoestima para mulleres, cunha proposta arredor da arte como forma de expresión
O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, presenta a programación polo 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, que estará moi centrada na sensibilización e na formación. Coincidindo co propio día, o alumnado de 4º da ESO do IES Johan Carballeira realizará a declaración conmemorativa ás 12 horas na Praza do Concello. Ese día, pola tarde, o Centro Social do Mar acollerá a proxección de curtametraxes “Somos ponte en movemento”, unha actividade da Coordinadora galega de ONGD e a Deputación de Pontevedra para público familiar na que poderán participar tamén nenos e nenas de seis nenos en diante, pois a idea é ver os filmes e despois xerar un coloquio arredor de temáticas como os dereitos humanos, dereitos da infancia, as migracións, os feminismos ou as loitas sociais.
O programa estenderase ao longo do mes con outras propostas, como é o obradoiro de autoestima para mulleres arredor da arte como forma de expresión, que continuará ata decembro, e que terá outras propostas entre febreiro e abril cos talleres “A música e a palabra para o benestar” e “Rir para vivir: a risa como camiño de benestar”, que se imparten cos fondos dos Pacto de Estado pola Violencia de Xénero e para os que é preciso inscrición previa no Centro de Información ás Mulleres.
No apartado de formación, o 17 e o 19 de novembro pola mañá desenvolveranse unhas xornadas para o persoal do Concello arredor do Plan de Igualdade e Protocolo de prevención de acoso laboral e sexual. Tamén o 28 de novembro, o IES Illa de Ons acollerá o obradoiro “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, impartido por Pantallas Amigas e centrado no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital (ciberviolencia, grooming, sexting…).
Como vén sendo habitual, o Cineclub Bueu proxectará o 21 de novembro o filme “Yo soy Nevenka” de Icíar Bollaín, que se poderá ver ás 21 horas no Centro Social do Mar, con entrada de balde ata completar aforo. A película conta a historia de Nevenka Fernández, de 24 anos, concelleira de facenda no Concello de Ponferrada, quen no ano 2000 sofre unha persecución tanto sentimental como profesional por parte do alcalde e decide denunciar. O seu caso inicia en España o movemento #metoo moito antes de que se inventase o termo.
A Libraría Miranda tamén pon o seu gran de area e organizará o 26 de novembro pola tarde a presentación do libro Outono, a muller sen nome, de Paula Castro. Esta historia
conta a historia dunha muller, que se enfronta á violencia de xénero pero tamén á violencia vicaria, xudicial e social, múltiples formas de opresión que intentan quebrar o seu espírito.



