- O salón de plenos acolleu este mércores o acto no que estiveron o alcalde e concelleiros e concelleiras da corporación
- Félix Juncal salientou que “estamos honrados e orgullosos de estar con Abel e recoñecerlle os éxitos deportivos que demostran que é unha persoa moi esixente e traballadora”
O Concello de Bueu recibiu este mércores pola tarde ao veciño Abel Moreira Rodríguez, gañador do Campionato de España Poomsae adultos, freestyle e adaptado, que se celebrou en Sevilla o pasado 21 de febreiro. No acto, que tivo lugar no salón de plenos da Casa Consistorial, estiveron presentes o alcalde de Bueu e concelleiros e concelleiras da corporación municipal.
Abel empezou a adestrar na modalidade de taekwondo adaptado en setembro e xa participou no Campionato de España no que colleitou este ouro. Integrante do Club Patiño de Moaña, Abel demostra que querer é poder é que é importante darlle visibilidade ao deporte adaptado, de aí que dende o consistorio se organizara este acto no que se entregou unha placa en lembranza da visita.
Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “estamos honrados e orgullosos de estar con Abel e recoñecerlle os éxitos deportivos que demostran que é unha persoa moi esixente e traballadora”. O rexedor lembrou que “nos últimos anos Bueu está medrando como pobo e como concello grazas aos éxitos deportivos de moitas persoas en diversas disciplinas”.



