- O evento será o sábado 20 de decembro na carpa de As Lagoas a partir das 21 horas e nel haberá lembranzas e música daqueles anos da Sala
Despois do éxito da edición do pasado ano, o Concello de Bueu volverá repetir a festa en homenaxe á Sala Paraíso, que se celebrará o sábado 20 de decembro na carpa de As Lagoas, e na que se escoitarán as diversas músicas que lembran a un dos locais nocturnos máis míticos da historia bueuesa. O evento comezará ás 21.00 horas e nel haberá música para todos os públicos, servizo de barra con locais de ocio nocturno da vila e moita diversión.
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo e organizadora da festa, destaca que “despois do éxito da primeira edición, a xente pedíanos máis e por iso volveremos repetir esta festa na que incluiremos a DJs que pincharán música de todas as épocas para que sexa un encontro de moitas xeracións”. Esta discoteca foi o espazo emocional de persoas nacidas dende o 1940 ata a década dos primeiros anos 2000 e forma parte da historia bueuesa.
A festa do sábado pretende ser unha recreación e unha lembranza a esta Sala situada na rúa Santán e que pechou as súas portas no 2004 logo de décadas de actividade e sendo o lugar de ocio de varias xeracións tanto da vila como da contorna. Carballo explica que grazas ás suxestións do público do pasado ano, a festa será máis longa e dividirase en dúas partes: entre as 21.00 e as 23.00 horas pincharase música dos primeiros anos de Paraíso e ata os 90; e das 23.30 horas en diante soarán os hits da última etapa da man dos DJs Roberto Pousada e Santiago Dopazo.
A data elixida ten que ver co remate das clases nos centros educativos e tamén porque adoita ser a de regreso de moitas persoas para pasar o Nadal coa familia polo que “cremos que o reencontro con Paraíso será máis especial”, remarca a edil de promoción económica e turismo. Dende o Concello de Bueu agradécese a colaboración da familia da Sala Paraíso, así como dos DJs Suso Portela, Roberto Pousada e Santiago Dopazo, e anímase a toda a veciñanza de Bueu e da contorna a asistir.
A Sala Paraíso e a súa historia
A Sala Paraíso, situada na rúa Santán, naceu no 1947 e estivo en activo ata o 2005, cando pechou definitivamente as súas portas. Por ela pasaron as grandes voces da época do pop e rock español, cunha especial popularidade entre os anos 60 e 80. A Sala ten as súas orixes nun local de baile co mesmo nome que se situaba na zona da Graña e do que se ten constancia xa dende comezos do século XX.
Na Sala Paraíso actuaron grandes voces de todos os tempos como Manolo Escobar, Víctor Manuel, Julio Iglesias, Juan Pardo, Los Pecos, Los Ángeles, Los Ilegales ou Manu Chao, e froito diso hai un monte de anécdotas.
O pasado ano, despois da súa venda, comezaron os traballos de demolición e agora mesmo estase a construír un edificio de vivendas.



