HomePontevedraCaldasO concello de Caldas abre o prazo de inscrición para a ludoteca...

O concello de Caldas abre o prazo de inscrición para a ludoteca de verán mantendo o plan madruga

- Anuncio -spot_img

As inscricións poderanse realizar ata o vindeiro 6 de xuño, inclusive, tanto a través da Sede Electrónica como no Rexistro Municipal

Haberá 200 prazas para o mes de xullo e 100 para agosto e aplicaranse bonificacións e descontos a familias numerosas ou que formen parte dos programas de Servizos Sociais

O Concello de Caldas de Reis vén de abrir este martes o prazo para as inscricións na Ludoteca de Verán, unha iniciativa pensada para promover e facilitar a conciliación laboral das familias do municipio. O período para tramitar estas solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro venres 6 de xuño, inclusive. As xestións poderanse realizar de xeito telemático a través da Sede Electrónica do Concello, ou ben no Rexistro Municipal. Neste último caso, recoméndase solicitar cita previa para axilizar as tramitacións.

A actividade está dirixida a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos e desenvolverase nos meses de xullo e agosto nas dependencias do CPI Alfonso VII. O horario será de luns a venres, de 8.30 a 14.30 horas. Ademais, por tercer ano consecutivo, apóstase por ofrecer o servizo de Plan Madrugada, operativo entre as 7.30 e as 8.30 horas. Serán un total de 200 as prazas que se poñan a disposición da cidadanía para o mes de xullo, mentres que en agosto son 100. Ao seren limitadas, recoméndase que se realicen as solicitudes canto antes.

Pódese obter máis información no Centro de Información á Muller (CIM), a través do número de teléfono 986530814 ou enviando un correo electrónico á dirección igualdade@caldasdereis.gal. Con respecto aos prezos, a cota mensual será de 65 euros, se ben se aplicará un desconto a familias numerosas ou que inscriban a dous ou máis irmáns. O custe da quinquena será de 45 euros. No caso do Plan Madruga, a tarifa é de de 35 euros con almorzo e 20 sen almorzo.

Os usuarios e usuarias teñen a posibilidadde contratar este servizo durante medio mes con almorzo (20 euros) ou 15 días sen (15 euros). Asemade, desde a Concellería de Igualdade infórmase de que aquelas familias que estean incluídas nos programas de Servizos Sociais contarán cunha bonificación na inscrición do 50%.

O alcalde caldense, Jacobo Pérez, salienta a importancia de continuar contando con este programa, que foi posto en marcha polo Concello hai preto de 15 anos e que nos últimos tempos foi medrando no seu número de prazas, dada a alta demanda que suscita. “É un servizo irrenunciable para nós, porque supón unha ferramenta moi efectiva para moitas veciñas e veciños da vila á hora de poder conciliar a súa vida familia coa laboral, nunha época especialmente complicada como é o verán”, explicou. Ademais, dentro dos beneficios que ofrece esta prestación, Pérez Gulín tamén quixo salientar as iniciativas que desenvolven as crianzas que se inscriben na Ludoteca de Verán. “Os nenos e nenas teñen ocasión de seguir en contacto coas súas amizades durante as súas vacacións e participar en moitas actividades a través das cales se fomentan os hábitos saudables, o compañeirismo ou o respecto polo medio ambiente”, sinala o rexedor.

A longo dos dous meses que dura a proposta, os cativos e cativas, ademais de participar en actividades que se organizan dentro do CPI Alfonso VII, tamén realizan excursións e visitas a diferentes lugares de interese.

Publicacións Relacionadas