O concello de Caldas de Reis abre este xoves o prazo para inscricións dunha nova edición do programa “Ludocaldas”

Redacción

 A ludoteca de verán oferta 200 prazas para o mes de xullo e 100 para agosto, co obxectivo de facilitar a conciliación ás familias do municipio durante a tempada estival

 Haberá descontos para familias numerosas ou familias que inscriban a dous ou máis crianzas e volverase incluír o servizo de Plan Madruga

O Concello de Caldas de Reis informa de que este xoves, 21 de maio, abrirá o prazo para realizar as inscricións dunha nova edición de ‘Ludocaldas’, a ludoteca de verán que, a través da Concellería de Igualdade, a Administración local pon en marcha para facilitar a conciliación entre as familias da vila durante a tempada estival.

As reservas poderán realizarse ata o vindeiro 4 de xuño, inclusive, tanto de xeito presencial no Rexistro Municipal como por vía telemática, a través da Sede Electrónica. Ofértanse 200 prazas para o mes de xullo e 100 para agosto. ‘Ludocaldas’ é un programa de lecer que está dirixido a crianzas en idade escolar (de 3 a 12 anos), que, ademais de supoñer unha ferramenta moi importante para a conciliación laboral e familiar, tamén desenvolve unha función socializadora, lúdica e educativa. A iniciativa garante a potenciación de xogos como modo de entretemento e aprendizaxe, así como favorecer o desenvolvemento afectivo, sensorial e mental dos nenos e nenas e fomentar iniciativas culturais e lúdicas que potencian a diversión e o traballo en grupo.

Como xa é habitual, a ludoteca desenvolverase durante os meses de xullo e agosto nas dependencias do CPI Alfonso VII, en horario de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres. Ademais, este ano tamén se inclúe a opción de Plan Madruga, a partires das 7.30, con diferentes tarifas en función do período contratado ou de se inclúe ou non almorzo. No caso da ludoteca, os prezos son de 65 euros mensuais (con descontos para familias numerosas ou con dous ou máis rapaces e rapazas por familia inscritas) e 45 por medio mes. As actividades serán de carácter máis lúdico para crianzas de 3 a 7 anos e se centrarán no ámbito deportivo para os de 8 a 12 anos. A concelleira de Igualdade, Rocío Ferro, explica que o programa incluirá saídas para realizar actividades en lugares de interese da vila, como A Tafona, A Carballeira ou A Prazuela, de xeito que “os nenos e nenas se familiaricen e coñezan de primeira man emprazamentos emblemáticos de Caldas de Reis”.

As persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao 986530814 ou enviar un correo electrónico a igualdade@caldasdereis.gal.
‘Ludocaldas’ está cofinanciado con fondos do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia. O alcalde, Jacobo Pérez, reafirma o compromiso do Goberno local á hora de facilitar á cidadanía ferramentas que “que sirvan para facilitar conciliación e que suman tamén a outras propostas encamiñadas a potenciar a busca de emprego ou a formación”.

Comparte este artigo