O concello de Caldas de Reis acometerá nas vindeiras semanas a limpeza do tramo urbano do Umia

Redacción

O alcalde, Jacobo Pérez, apunta que o Goberno local tramitou a contratación destes traballos unha vez obtidos os permisos pertinentes de Augas de Galicia

O rexedor caldense tamén salientou a importancia das tarefas de limpeza que vai acometer a Xunta de Galicia noutros tramos do río, dando así resposta a unha demanda que o Concello xa trasladara á Administración autonómica en novembro de 2024

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, confirmou este luns que nas vindeiras semanas o Concello acometerá os traballos de limpeza no tramo do Umia correspondente que pasa polo casco urbano da capital da bisbarra. O rexedor adiantou o comezo destes labores, moi necesarios para garantir o bo estado do Umia e para paliar problemas de enchentas en épocas de grandes precipitacións, nunha visita polas inmediacións do manantial en compañía do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández. A Administración autonómica asumirá unha actuación para ampliar esta limpeza fóra do núcleo. Deste xeito, a Xunta da resposta a unha demanda que o Goberno local caldense xa fixera por primeira vez en novembro de 2024, a través dun escrito remitido a Augas de Galicia. No documento, o Concello achegaba información sobre o emprazamento de varias árbores caídas no cauce, cuxa retirada é necesaria para facilitar o paso da auga durante todo o ano. “Estamos satisfeitos de que esta actuación, que reiteramos en varias ocasións desde 2024, por fin se leve a cabo”, afirmou o alcalde, que tamén reafirmou o compromiso do Concello de Caldas de Reis á hora de colaborar coa Xunta de Galicia para “facilitar que estas tarefas se leven a cabo con absoluta normalidade”.

Con respecto á limpeza no casco urbano, Jacobo Pérez explicou que estes traballos serán realizados por unha empresa externa. Unha vez finalizado o proceso de contratación, estímase que os labores darán comezo en setembro, nun prazo aproximado de 15 días, sempre que as condicións meteorolóxicas así o permitan. O Concello poderá acometer estes traballos tan necesarios unha vez obtidos os permisos pertinentes por parte de Augas de Galicia, departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Esta actuación serve para que o Goberno local continúe coa súa folla de ruta para paliar as inundiacións e acumulacións de auga que se rexistran nas inmediacións do Umia ao seu paso polo centro, e que se notan especialmente en lugares como a contorna da Tafona. Neste sentido, o alcalde lembrou que “os traballos que se levaron a cabo no pasado xa permitiron que no pasado inverno, no que houbo acumulados de precipitacións históricos, as crecidas do Umia non causaron tantos danos e problemas como en anos anteriores”. Agora, o Concello de Caldas de Reis pode continuar avanzando para dar cumprimento a este compromiso adquirido coa veciñanza de implicarse no coidado do río, dentro das súas limitacións, xa que estas tarefas dependen da Xunta de Galicia.

Comparte este artigo