A Administración local colabora coa Fundación Mujeres nesta iniciativa, que impulsa obradoiros sobre manipulación de alimentos, elaboración de CV, pautas para entrevistas de traballo ou competencias dixitais, entre outras cuestións
A anterior convocatoria, que finalizou o pasado venres, contou un 100% de inscritas (25 mulleres)
O Concello de Caldas de Reis confirma que haberá unha nova edición dos cursos que a Fundación Mujeres, en colaboración coa propia Administración local, está a promover para fomentar a integración de veciñas de diferentes idades no mundo laboral. Esta convocatoria, a terceira, desenvolverase ao longo do mes de maio, logo do éxito de participación que houbo nas anteriores. Así o confirman desde o departamento de Igualdade, que explican que nas sesións que tiveron lugar na sede do Centro de Información á Muller (CIM) entre o 17 de marzo e o 24 abril, anotáronse 25 mulleres. As clases tiñan lugar os martes, en horario de 10.00 a 13.00 horas.
Estes obradoiros formativos están dirixidos a veciñas que se atopen en situación de desemprego ou na busca dunha mellora laboral. Entre as iniciativas levadas a cabo, destacan os cursos de manipulación de alimentos, as sesións para a mellora da estratexia á hora de afrontar a búsqueda dun posto de traballo, obradoiros sobre como afrontar as entrevistas de traballo, a elaboración dun Currículum Vitae efectivo e sobre competencias dixitais. As persoas interesadas en tomar parte na nova convocatoria poden obter máis información chamando aos números de teléfono 660355831 ou 986530814. Tamén é posible contactar enviando un correo electrónico á dirección igualdade@caldasdereis.gal. A iniciativa cofinánciase con fondos europeos.
O Concello de Caldas de Reis continúa, deste xeito, promovendo ou colaborando activamente en iniciativas e accións que axuden a achegar ferramentas efectivas á cidadanía á hora de mellorar a súa situación laboral. O obxectivo do Goberno local é contribuír a continuar reducindo os índices de paro que se rexistran no municipio e que xa marcan unha clara tendencia á baixa nos últimos anos.

