O Goberno local intensificará as revisións periódicas e, no caso de que se detecte algunha irregularidade, dará traslado dos pertinentes informes ás áreas de Sanidade e de Medio Ambiente da Xunta de Galicia
O alcalde, Jacobo Pérez, mantivo unha reunión con veciños e veciñas destas parroquias, xunto aos voceiros dos partidos da Corporación, e tamén está en contacto coa empresa de control de plagas para que actúe nas zonas que sexa necesario
O Concello de Caldas de Reis segue velando polo pertinente cumprimento das autorizacións das licencias administrativas concedidas a instalacións siutadas nas parroquias de Bemil e de Santa María, nas que se emprazan explotacións avícolas e gandeiras, para corroborar que se está a cumprir a normativa. Esta foi unha das cuestións tratadas nunha reunión mantida recentemente polo alcalde, Jacobo Pérez, e voceiros dos grupos da Corporación municipal con veciños e veciñas, na que o rexedor tamén reafirmou o compromiso do Goberno local de seguir recabando “toda a información que sexa necesaria”. Os técnicos e a Policía Local intensificarán as inspeccións periódicas para garantir estes cumprimentos. No caso de que se detecte algunha irregularidade, a Administración local dará traslado da situación aos departamentos autonómicos de Sanidade e de Medio Ambiente, dependentes da Xunta de Galicia, que “son os que teñen potestade para tomar medidas se non se cumpre coa lei nestas materias”.
O Concello toma estas medidas, dentro das súas competencias, a raíz das queixas trasladadas por residentes nestas parroquias, como consecuencia da aparición de insectos nalgunhas zonas próximas a estas explotacións. Ademais, o alcalde tamén permanece en contacto permanente coa empresa especializada de control de plagas contratada polo propio Concello, para que actúe nos casos nos que sea necesario. “Imos recabar toda a información e a revisar as licenzas administrativas para corroborar que non houbo ningún erro”, garantiu o alcalde.

