O municipio acollerá o venres 12 de setembro o inicio e final da segunda etapa, que partirá das inmediacións do CPI Alfonso VII e rematará na Rúa Carlos García Bayón
O alcalde, Jacobo Pérez, explica que xa se está a informar á veciñanza dos detalles dun operativo que obrigará a acometer cortes de tráfico e limitacións de estacionamento nas zonas polas que pase o pelotón
O Concello de Caldas de Reis vén de iniciar unha campaña informativa para dar a coñecer o operativo de tráfico e de seguridade que se desenvolverá a vindeira fin de semana, concretamente o venres 12 de setembro, co gallo da celebración da segunda etapa da Volta Ciclista a Galicia. Unha cita que nesa xornada terá á vila termal como centro neurálxico, ao acoller a saída, parte do tránsito de etapa e a liña de meta. Segundo explicou o alcalde, Jacobo Pérez, xa se comezou a informar ás persoas e residentes das zonas que se verán máis afectadas polo desenvolvemento da proba, que, tal e como recorda o propio rexedor, “é un evento de referencia e un gran escaparate que sirve como promoción e para dar visibilidade ao noso concello”. Por esta razón, desde o Concello agradecen a comprensión e a paciencia da veciñanza, así como a súa colaboración, que “sen dúbida axudará a que a etapa se desenvolva con absoluta normalidade”. Cómpre lembrar que a etapa contará cun percorrido de 138 quilómetros, que sairá das inmediacións do CPI Alfonso VII e chegará a Carlos García Bayón, logo de que o pelotón percorra varias zonas da contorna. O alcalde de Caldas de Reis explicou que o operativo porase en marcha o día anterior, xoves 11 de setembro, con motivo dos traballos de preparación e montaxe do evento. Desde esa xornada xa haberá cortes puntuais de tráfico e se prohibirá o estacionamento na rúa Carlos García Bayón.
Con respecto ao 12 de setembro, a saída da etapa está prevista para as 12.30 horas, desde o CPI Alfonso VII pola rúa Xosé Salgado. O pelotón pasará por Laureano Salgado, Rúa Real e San Roque, ata coller a N-550. Haberá retencións de estacionamento en todas as zonas afectadas. Ademais, no caso da Rúa Real, o Concello informa de que deberán retirarse todas as terrazas dos establecementos ata que pase o pelotón. En torno ás 14.30 horas prevese que os ciclistas entren de novo na vil apola avenida de Pontevedra e saian pola de Dona Urraca, en dirección a Portas.
Segundo as previsións da organización, a proba finalizará na liña de meta en torno ás 15.30 horas, en Carlos García Bayón.
Ademais de nesta rúa, tampouco se poderá estacionar na zona asfaltada do aparcadoiro da Tafona ata a finalización da proba.
Jacobo Pérez indica que este operativo “é indispensable para garantir a seguridade tanto dos participantes na carreira como da cidadanía” e destaca o labor conxunto que están a realizar a Garda Civil, Policía Local e Protección Civil.
Asemade, o alcalde tamén quixo agradecer á Federación Galega de Ciclismo a súa aposta por Caldas de Reis para ser o escenario principal dunha das catro etapas das que consta a Volta Ciclista a Galicia. Nunha edición, ademais, moi especial, xa que servirá para render homenaxe ao ciclista Samuel Blanco.
O Concello, ademais de poñerse en contacto coa veciñanza, tamén emitiu un bando con todos os detalles deste dispositivo, cuxa información tamén estará dispoñible nos seus perfís oficiais en redes.

