O concello de Caldas de Reis dotará á contorna da praia fluvial do Umia dun circuíto de calistenia e zona para xogar ao voleibol

Redacción
Lectura mínima de 4

O Goberno local vén de solicitar unha subvención ao GDR O Salnés – Ulla – Umia para a acometer unha actuación valorada en algo máis de 35.000 euros

O alcalde, Jacobo Pérez, sinala que esta aposta é “unha iniciativa continuista na nosa folla de ruta na recuperación dos espazos próximos aos nosos ríos”

O Concello de Caldas de Reis vén de tramitar unha solicitude para dispoñer dunha subvención por parte do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) O Salnés – Ulla – Uma para acometer un ambicioso proxecto de recuperación na
contorna da praia fluvial do Umia. O Goberno local aposta por aproveitar unha superficie próxima aos 1.500 cadrados e consolidala como punto de encontro e de lecer, no que veciñanza e visitantes de diferentes idades poidan fomentar os seus hábitos saudables ao aire libre. A actuación incluirá a dotación dun circuíto de calistenia, con todos os aparellos homologados para a práctica de diferentes exercicios, asíRúa Ferreira, 1 como unha área para xogar ao voleibol. Deste xeito, o Concello da un paso máis na súa política de posta a punto de espazos verdes, poñendo especial foco na contornas dos seus ríos. O alcalde, Jacobo Pérez, visitou a zona no que se habilitarán estes espazos e recordou que este tipo de iniciativas seguen a ser unha prioridade para o Goberno local.
“Este é un proxecto continuísta, que impulsamos co propósito de continuar coa recuperación da contorna dos nosos ríos”, sinalou. Neste caso, Pérez Gulín referiuse a este espazo como “un lugar emblemático para os nosos veciños e veciñas, que tamén dá a benvida ás persoas que chegan á nosa vila entrando pola Ponte da Ferrería”.

Tal e como consta na documentación remitida ao GDR, a actuación contempla, ademais de habilitar estes espazos para a práctica do deporte, a limpeza das escaleiras de baixada ao río Umia, así como o mantemento e posta a punto da contorna. O proxecto ten un orzamento de 35.189,75 euros, IVE engadido, e estímase un prazo de execución de dous meses, a contar desde que conclúa o pertinente proceso de licitación. A zona de calistenia contará con todos os elementos necesarios para a realización de adestramentos e competición, como un banco inclinado, barras paralelas, barras para dominadas, prensa de peito, escaleira sueca e barra de bandeira humana. Instalarase, asemade, un cartel informativo sobre os usos destes elementos e sobre o cumprimento de utilización por parte de usuarios e usuarias. Con respecto á zona de voleibol, dotaranse dous postes ancorados para a instalación da rede, cunha carraca tensora que facilite a súa regulación e altura.

Jacobo Pérez incide na importancia de seguir traballando na posta a punto de espazos gratuítos ao aire libre que faciliten a práctica deportiva. “O deporte é saúde”, lembrou o alcalde, que tamén destacou outras obras realizadas ao longo deste mandato que van nesa liña, como a estrea do Parque do Maior ou a remodelación das pistas polideportivas da Tafona.

Comparte este artigo