As actuacións musicais serán de carácter rotatorio, en diferentes puntos do núcleo de Caldas de Reis, en horario de 12.00 a 16.00 horas
O alcalde, Jacobo Pérez, e o presidente da Asociación de Hostalería, Jesús Fariña, salientan que esta proposta busca consolidarse como atractivo “e primeira parada” para as miles de persoas que acuden ao evento musical
O Concello de Caldas de Reis e o sector hostaleiro local volven aunar esforzos para promover unha nova iniciativa co propósito de promocionar a vila termal, ao tempo que se reforza a actividade e a dinamización económica na propia localidade. Entre este venres 4 e o domingo 6 organizaranse varias sesións vermús en diferentes lugares do centro, logo do acordo acadado entre o Goberno local e a Asociación de Hostalería de Caldas. O alcalde, Jacobo Pérez, e o presidente do colectivo, Jesús Fariña, deron a coñecer os detalles desta novidosa proposta, que ten coma obxectivo aproveitar o tirón e o fluxo de visitantes que supón a celebración do Festival PortAmérica, na Azucreira de Portas. “O que facemos é ofrecer unha fórmula de lecer que se complementa á perfección con este evento, que é un dos festivais de música máis importantes de Galicia e que atrae á nosa comarca a milleiros de visitantes”, sinalou Pérez Gulín, que incidiu na importancia de continuar promovendo iniciativas de este tipo para seguir fortalecendo a saúde económica de Caldas e promocionando a vila.
Estas sesións vermú terán lugar en horario de 12.00 a 16.00 horas, en diferentes emprazamentos. Este carácter rotatorio permitirá que se poidan ver beneficiados o maior número de establecementos posible, independentemente de se son ou non afiliados da Asociación de Hostalería. Tendo en conta que os concertos do PortAmerica comezan xa vén avanzada a tarde, estas sesións vermú facilitan que Caldas de Reis se poida converter “na primeira parada para as persoas que acoden ao festival”, ademais de ser tamén unha alternativa de lecer para toda a veciñanza e para os e as turistas que estes días gozan das súas vacacións na vila termal. “É unha oportunidade única para poder coñecer o noso municipio e gozar da súa gastronomía”, sinalaron tanto o alcalde como o presidente da Asociación de Hostaleiros. Jacobo Pérez expresou a súa confianza en que a proposta poida consolidarse co tempo e quixo poñer en valor a implicación dos e das profesionais á hora de promover iniciativas dinamizadoras para Caldas de Reis. “É indispensable que as administracións públicas e o sector privado vaiamos da man para seguir consolidando ao noso concello como a capital da comarca do Umia e un dos referentes do interior da provincia de Pontevedra”, apuntou o alcalde.
Mes de xuño histórico en cifras de paro
Froito desa liña de colaboración entre o Concello e os axentes económicos, ao que hai que sumar o esforzo empresarial dos negocios locais, son os históricos datos de paro rexistrados o pasado mes de xuño. Caldas de Reis pechou o primeiro semestre de 2025 cun novo mínimo histórico, baixando por primeira vez das 400 persoas desempregadas. A cifra actual é de 342, o que supón nun descenso de 23 persoas con respecto aos datos do mes de maio. Ningún outro concello da bisbarra experimentou unha redución maior no número de xente que busca traballo. Jacobo Pérez salienta que estes rexistros “confirman que imos polo bo camiño”, pero tamén deixou claro que “a nosa pretensión é continuar reducindo o desemprego o máximo posible”. A día de hoxe, a taxa está a piques de baixar do 8%.