HomePontevedraCaldasO concello de Caldas de Reis impulsa a tramitación para a construción...

O concello de Caldas de Reis impulsa a tramitación para a construción do Centro de Saúde coa contratación do proxecto de urbanización

- Anuncio -spot_img

O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que esta xestión forma parte das responsabilidades comprometidas pola Administración local no convenio asinado coa Consellería de Sanidade o pasado mes de marzo

O rexedor caldense comprométese a continuar dando pasos firmes desde o Goberno local para facilitar que a Xunta de Galicia acometa a construción do centro médico no menor tempo posible, dando así resposta a unha demanda histórica da veciñanza

O Concello de Caldas de Reis vén de tramitar a contratación para a redacción do proxecto de urbanización do terreo no que se emprazará o futuro Centro de Saúde.
Tal e como recorda o alcalde, Jacobo Pérez, estas xestións forman parte da liña de actuacións que debe cumprir a Administración local, ao abeiro do convenio asinado o pasado mes de marzo coa Consellería de Sanidade, para que a Xunta de Galicia acometa a construción das instalacións. Esta contratación faise a través dun contrato menor, que xa conta coa correspondente aprobación de gasto, e cun investimento que ascende a uns 15.000 euros aproximadamente. O documento é o paso inicial para dar un pulo á tramitación e inclúe todo o relacionado coa definición de viais e dotación de servizos que deberá ter a parcela na que se emprazará o centro médico.

O alcalde explicou que estas xestións leváronse a cabo nas últimas semanas. A elaboración deste proxecto de urbanización é un requisito indispensable para que se faga realidade unha demanda histórica da veciñanza de Caldas de Reis, como é a construción por parte da Xunta de Galicia dun Centro de Saúde que “dea resposta ás necesidades da capital do Umia, así como da contorna da nosa bisbarra. Precisamos dun servizo sanitario de calidade, tanto para os veciños e veciñas da nosa vila como da comarca”, sinalou Pérez Gulín. Asemade, o rexedor caldense reafirmou o compromiso do Concello a dar cumprimento ás actuacións que son responsabilidade da Administración local e que figuran no convenio, entre as que tamén se atopan, ademais da
organización da parcela, a aplicación da bonificación do imposto corresponente ou o mantemento dos espazos unha vez rematada a obra. “Confiamos en que a Consellería de Sanidade tamén dea prioridade a esta actuación, para que poida ser unha realidade o antes posible”, apuntou o alcalde, que recordou que a sinatura do convenio puxo fin a casi 20 anos de xestións, reunións e negociacións

Publicacións Relacionadas