O concello de Caldas de Reis impulsa unha campaña informativa para mellorar a calidade de vida das persoas maiores

adminON
Lectura mínima de 5

O Goberno local anima á poboación maior de 60 anos a  participar nas enquisas que se enviarán aos domicilios, e  que tamén se poderán completar de maneira ‘on line’,  para “coñecer de primeira man as necesidades e  propostas” deste sector da poboación local 

“Cada resposta contribuirá a facer da nosa vila un lugar  máis inclusivo, accesible e cómodo”, sinala o alcalde,  Jacobo Pérez, que lembra que este ano se inaugurará o  novo Fogar do Maior, ademais do espazo de lecer  específico para persoas maiores na Tafona 

Optimizar e planificar actividades,  accións e actuacións que melloren a calidade de vida das persoas maiores de  Caldas de Reis é o obxectivo da nova campaña informativa impulsada polo  Concello. Trátase dunha iniciativa que, tal e como explica o alcalde, Jacobo  Pérez, “servirá para coñecer de primeira man as condicións de vida da nosa  xente da terceira idade e estar ao tanto das súas necesidades reais”. Para iso, desde a Administración local enviaranse a centos de vivendas de todas as  parroquias unha enquisa e unha carta explicativa, na que se da conta da  importancia de participar nesta proposta, algo totalmente voluntario e que  “resultará moi útil, xa que cada resposta contribuirá a deseñar unha vila máis  inclusiva, accesible e cómoda, adaptada á necesidade dos nosos e as nosas  maiores”, recalca o rexedor caldense. 

A enquisa consta dunha serie de preguntas, a través das cales se solicita  información de interese, como idade e xénero das persoas participantes, así  como a súa situación en canto a saúde e benestar, vivenda, uso dos Servizos  Sociais, nivel de coñecemento en aspectos tecnolóxicos e un apartado no que  poden achegar as súas propostas e suxestións. O Concello incide no aspecto  voluntario da campaña e recalca que se garante a protección de datos,  cumprindo en todo momento coa normativa vixente. A través das respostas, o  Goberno local farase unha idea moito máis real e aproximada sobre o estado de  saúde emocional e o nivel de apoio social que reciben e precisan as persoas da  terceira idade. Ademais, tamén se poderán detectar barreiras arquitectónicas en  viais públicos ou en equipamentos municipais, ao tempo que se avalía o grao de  coñecemento que este sector da sociedade ten das prestacións que desenvolve  o propio Concello, a través do departamento de Servizos Sociais, o Servizo de  Axuda no Fogar (SAF) ou a teleasistencia. Por último, o alcalde sinala que se  recollerán “todas as propostas e ideas que a xente nos queira achegar para a  analizar a posible organización de actividades ou o desenvolvemento de  proxectos que poidan axudar a mellorar a súa calidade de vida”. 

Nas cartas que se enviarán á veciñanza incluirase, ademais da enquisa, unha  carta informativa, asinada polo propio alcalde, na que se fai fincapé na  importancia de participar na campaña, algo “que resulta fundamental para adaptar as iniciativas municipais ás demandas reais da poboación maior”. Desde  o Concello tamén se fai un chamamento ás veciñas e veciños con familiares de máis de 60 anos a que se impliquen na iniciativa, axudando aos seus achegados  a completar a enquisa. Unha vez completados, os cuestionarios poderanse  entregar no Fogar do Maior, nas dependencias de Servizos Sociais ou no  ddespacho da traballadora social, no Centro de Saúde de Caldas de Reis.  Ademais, o Concello tamén ofrece a opción de realizar a enquisa ‘on line’, a  través dunha ligazón que compartirá nos seus perfís oficiais nas redes sociais,  ou ben a través dun código QR. 

Jacobo Pérez recorda que un dos obxectivos prioritarios do Goberno local neste  mandato é impulsar infraestruturas e servizos que redunden na mellora de  calidade de vida e na comodidade das persoas maiores. Seguindo esa premisa,  este mesmo ano inaugurarase o novo local do Fogar do Maior, moito máis amplo  e céntrico, e se están a desenvolver traballos para dar vida ao Parque do Maior  na Tafona.

Comparte este artigo