O proxecto conta cun orzamento que ascende a máis de 764.000 euros, IVE engadido, e foi adxudicado á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela
O alcalde, Jacobo Pérez, salienta a relevancia desta actuación, encamiñada a humanizar unha das zonas máis emblemáticas do casco urbano, mellorando a seguridade viaria e priorizando o tránsito a pé ou ciclista
O Concello de Caldas de Reis prevé que os traballos para a humanización e mellora da contorna do Campo da Torre se inicien nas vindeiras semanas. O alcalde, Jacobo Pérez, avanzou tamén que antes de que dean comezo as obras convocarase unha reunión informativa coa veciñanza desta zona do casco urbano, para informar a todas e todos os residentes dos detalles do operativo de seguridade e o plan de tráfico que se deberá acometer mentres dure a actuación. Este encontro terá lugar nos vindeiros días. O prazo de execución previsto no contrato é de seis meses, polo que, de non producirse ningún contratempo inesperado, a ansiada remodelación desta zona tan importante para a vila termal, moi vencellada ao río Bermaña e polo que transcorre parte do Camiño Portugués, será unha realidade despois do verán. “Somos conscientes de que esta é unha actuación de calado e agradecemos a comprensión da veciñanza durante a realización dos traballos. Trataremos de que as molestias sexan as menores posibles”, sinalou Pérez Gulín.
O proxecto xa está en disposición de poñerse en marcha, logo de que se completase o proceso de adxudicación. A empresa encargada de acometer a obra será Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela Sociedad Limitada. A licitación foi definitivamente aprobada na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada a pasada semana. O orzamento do proxecto ascende a un total de 764.866,70 euros, IVE engadido. Cómpre lembrar a actuación conta con fondos xestionados a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra. Ademais, o Concello tamén asume parte da contía (uns 200.000 euros aproximadamente) con rescursos propios.
Os traballos levaranse a cabo nunha superficie aproximada de 2.500 metros cadrados. “Este é un proxecto prioritario para o Goberno local, co que queremos consolidar a mobilidade peonil e ciclista no Campo da Torre, afianzando ademais a seguridade viaria”, explicou o alcalde. A obra supón garantir unha alternativa segura e sostible ao uso do vehículo privado.
Ademais, tamén se renovarán infraestruturas de servizos, o alumeado e o mobiliario urbano.



