Ademais da retransmisión do partido, tamén haberá ambientación musical, nunha iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa Asociación de Hostalería
Este xoves haberá unha nova convocatoria de intercambio de cromos do Mundial, proposta estreada o pasado 6 de xullo e que está a contar cunha grande participación
A final do Mundial, na que estará presente, 16 anos despois, a Selección Española, poderá verse en familia ou con amizades, nun gran ambiente, na explanada da Tafona de Caldas de Reis. O alcalde, Jacobo Pérez, confirmou hoxe que o vindeiro domingo instalarase unha pantalla xigante para presenciar o histórico encontro, no que o combinado nacional buscará o seu segundo título mundial, logo do acadado en Sudáfrica no ano 2010. Se ben o partido non dará comezo ata as 21.00 horas, desde o Concello anímase á veciñanza de toda a bisbarra a achegarse ata A Tafona xa desde antes. Haberá animación musical e máis sorpresas. Tal e como lembra o rexedor caldense, esta iniciativa foi acordada coa Asociación de Hostalería de Caldas de Reis ao comezo do Mundial. “Esta é unha gran oportunidade para continuar dinamizando a actividade do sector, nunha época na que recibimos a un importante número de visitantes.
Ogallá todo remate cun triunfo da Selección Española”, desexa Pérez Gulín.
Ademais, mañá xoves, 16 de xullo, desde as 19.30 horas, volverá haber unha nova convocatoria do Intercambio de Cromos do Mundial. Esta cita, pensada para as crianzas e para ser gozada en familia, estreouse o pasado 6 de xullo, xusto antes do partido de octavos de final EspañaPortugal, e resultou todo un éxito. “Foi algo que organizamos dando resposta a unha petición veciñal e que fomos repetindo en máis ocasións. Agora, o que queremos é ofrecer á rapazada a oportunidade de completar as súas álbumes”, explicou Jacobo Pérez. A actividade será novamente no Parque da Prazuela.

