O Concello de Caldas de Reis licita o contrato de limpeza e mantemento de cunetas nos camiños do rural cun orzamento de 90.000 euros

adminON
Lectura mínima de 4

O alcalde, Jacobo Pérez, salienta o incremento da partida, que  supón unha suba de máis do 40% con respecto ao documento  anterior, e defende a importancia de contar cun servizo que facilita o bo estado dunha gran extensión de ramais e vías das diferentes  parroquias da vila 

As empresas interesadas dispoñen de 15 días hábiles para  presentar as súas ofertas para optar a un contrato que estará  vixente ata o 31 de decembro deste ano 

O Concello de Caldas de Reis abriu o  proceso de licitación necesario para contratar os traballos de limpeza e  mantemento das cunetas nos camiños municipais do rural. Unha xestión que é  de suma importancia, tal e como salienta o alcalde, Jacobo Pérez, que salienta  a necesidade de consolidar e garantir o bo estado destes ramais e vías nas  diferentes parroquias, co obxectivo de evitar acumulacións de auga en épocas  de chuvia e garantir a seguridade tanto da circulación de vehículos como dos e  das viandantes.

Tal e como figura no pliego de condicións, a empresa adxudicataria asumirá os  labores de retirada de sedimentos, restos vexetais ou diferentes obstáculos que  afecten á libre circulación da auga polas cunetas. Ademais, levarase a cabo unha  limpeza periódica, intensa e profunda para garantir unha conservación óptima  destes espazos. Neste sentido, o alcalde Pérez Gulín sinala a importancia de  poder contar cun servizo que garanta a realización destes traballos ao longo de  todo o ano. “Non hai que esquecer que Caldas de Reis conta cunha superficie  que se achega aos 70 quilómetros cadrados, moitos dos cales pertencen a zonas  rurais”, indica. Esta dispersión impide que a brigada municipal poida asumir esta  actuación, de aí a necesidade de sacala a licitación. “Evitamos, deste xeito, moitas demoras e acadamos unha maior axilidade nas actuacións”, engade o  rexedor. 

Unha das principais novidades do contrato ten que ver co seu orzamento. A partida proposta polo Concello de Caldas de Reis ascende a un total de 90.000  euros, IVE engadido, o que se traduce nunha suba de aproximadamente un 40%  con respecto ao documento anterior. Jacobo Pérez recorda que a posta a punto  do rural é un dos obxectivos primordiais do Goberno municipal. “Son estas as  pequenas grandes actuacións que inciden nunha mellor calidade de vida da nosa  veciñanza”, enfatizou. As empresas interesadas en participar no concurso de licitación dispoñen dun prazo de 15 días para presentar as súas ofertas. Este  orzamento cúbrese con fondos propios da Administración local. 

O contrato establece dous tipos de traballos. Por unha banda, atópanse os  encargos regulares, que inclúen a limpeza de zonas, co uso de retroexcavadora  e motoniveladora sempre que sexa necesario. Para a realización destas tarefas  a adxudicataria contará cunha marxe de tres días hábiles, a partir do día seguinte 

do envío do encargo por parte do Concello. O segundo grupo de labores  corresponde aos de tipo urxente, que deben completarse nun período máximo  de 24 horas. Figurarían aquí as actuacións destinadas ao desatascamento de cuentas para evitar danos materiais ou en situacións que poidan condicionar o  tránsito de vehículos e de peóns. O contrato estará vixente ata finais de 2025.

Comparte este artigo