HomePontevedraCaldasO concello de Caldas de Reis licitará un contrato específico para garantir...

O concello de Caldas de Reis licitará un contrato específico para garantir un mantemento sostible da carballeira e do xardín botánico

- Anuncio -spot_img

 O alcalde, Jacobo Pérez, o concelleiro de Parques e Xardíns, Juan Carlos Ortigueira, reuníronse co arquitecto responsable do proxecto de rehabilitación, Pedro Calaza, para abordar os detalles dunha actuación que será decisiva para optimizar o emblemático espazo e garantir o seu coidado a medio e longo prazo

 A área será tratada seguindo parámetros moi específicos, con operarios con formación especial, e garantindo un uso de produtos ecolóxicos e sostibles

O Concello de Caldas de Reis sacará a licitación un contrato específico para garantir un mantemento axeitado de de calidade, acorde á singularidade e aos requisitos de sostibilidade necesarios, da Carballeira e do Xardín Botánico, unha vez finalicen os traballos de recuperación e rehabilitación que se están a realizar actualmente neste emblemático espazo. O alcalde, Jacobo Pérez, vén de manter unha reunión co responsable do proxecto, o arquitecto paisaxista Pedro Calaza, para avanzar na redacción dos pliegos do contrato. No encontro, que tivo lugar no despacho de Alcaldía e no que tamén estivo presente o concelleiro responsable da área de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, Juan Carlos Ortigueira, falouse das obrigas e requisitos que serán necesarios cumprir para para optimizar este espazo a medio, curto e longo prazo. “Con esta licitación queremos garantir que A Carballeira e o Xardín Botánico acaden o seu punto óptimo nos vindeiros dez anos”, explicou Pérez Gulín.

Pedro Calaza trasladou ao alcalde e ao edil de Medio Ambiente a importancia dos futuros traballos de mantemento dun espazo que está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e que é un dos máis peculiares e importantes de Galicia, dada a súa importancia histórica, paisaxística e botánica. Tendo en conta este escenario, os parámetros técnicos non serán os habituais. O contrato especificará o número de operarios necesario para as tarefas e incidirá no feito de que será necesario que este persoal teña pleno coñecemento das especies e o tipo de coidados que precisará cada unha delas. O contrato tamén establecerá a necesidade de velar polos diferentes microclimas consolidados na área, cunha clara aposta pola sostibilidade. Así, utilizaranse para os coidados produtos ecolóxicos, en detrimento dos fitosanitarios. Jacobo Pérez adianta que “o mantemento busca optimizar a estética da Carballeira e o Xardín Botánico, pero velando tamén en todo momento pola saúde pública, de maneira que consolidaremos un espazo con menos contaminación e máis calidade do aire”.

Cómpre lembrar que o Concello de Caldas de Reis está a executar a recuperación deste pulmón verde a través de fondos europeos Next Generation, cun orzamento que supera o millón de euros. Os traballos de mellora avanzan a bo ritmo e prevese que estean rematados antes de que finalice o primeiro semestre deste ano. É por isto polo que o Goberno local quere que o contrato de mantemento esta adxudicado entre os meses de abril e maio, de maneira que, antes de comezar estes labores, se poida levar a cabo unha formación específica para os operarios que se encarguen destas tarefas.

De cara o futuro, o Concello tamén contempla impulsar campañas informativas e de sensibilización entre a veciñanza, nas que se fará fincapé na importancia de respectar e coidar a contorna. “Temos a sorte de contar cunha auténtica xoia como é a Carballeira e o Xardín Botánico, que, unha vez rehabilitada, consolidarase como un dos espazos verdes máis importantes de Galicia, sendo tamén un punto de reclamo económico e cultural. Por iso, é reponsabilidade de todos e todas garantir o seu coidado”, apuntou Jacobo Pérez, que aproveitou a ocasión para felicitar a Pedro Calaza polo deseño deste ambicioso proxecto.

Publicacións Relacionadas