O descubrimento da estatua, que terá 3 metros de altura e que estará situada nas proximidades da entrada ao Asilo, terá lugar o vindeiro domingo, ás 12.00 horas, nun acto aberto á veciñanza
A iniciativa está impulsada pola Asociación Terra Calda, da cal o alcalde, Jacobo Pérez, salienta o impresionante labor que leva a cabo para difundir e promover “a importancia da nosa historia como municipio”
Integrantes do Obradoiro de Emprego ‘Os Camiños no Camiño’ traballan estes días na posta a punto da parcela na que o vindeiro domingo, 27 de setembro, se emprazará a estatua do monarca Afonso VII. O acto terá lugar ás 12.00 horas e contará coa asistencia de diferentes personalidades locais e provinciais, ademais de dirixentes da Asociación Terra Calda, que foi a impulsora desta iniciativa, que puido facer realidade grazas a unha campaña de ‘crowfunding’ para recadar os cartos necesarios para a construción do monumento.
Tal e como explicou o alcalde, Jacobo Pérez, a figura de Afonso VII situarase nunha parcela próxima á entrada principal do Asilo, enfocada cara a rúa Román López. “Entendemos que é un emprazamento axeitado e ideal para que teña a visibilidade que merece, nun espazo moi coñecido dentro do noso núcleo”, apuntou o rexedor caldense. O monumento foi obra do escultor local Javier Touceda. Entre a propia figura e o pedestal sobre o que se alzará, a recreación do rei que naceu en Caldas terá unha altura aproximada duns tres metros. Pérez Gulín fai un chamamento á cidadanía para que participe no acto público do vindeiro domingo, que servirá para “facer xustiza á que é probablemente a figura histórica máis importante do noso municipio”.
Unha vez máis, o alcalde puxo como exemplo o labor que desenvolve a Asociación Cultural Terra Calda á hora de promocionar e difundir a historia da vila termal. Neste caso, a colocación da estatua supón o colofón a unha serie de iniciativas que a agrupación local foi desenvolvendo ao longo dos últimos meses, con motivo da conmemoración do 900 aniversario da coroación de Afonso VII como rei. “É importante que a veciñanza, e especialmente as novas xeracións, teñan constancia das orixes e o vínculo co noso pobo dun dos monarcas máis importantes da historia do noso país”, recalcou o alcalde. Coñecido como ‘El Emperador’, Afonso VII naceu en Caldas no ano 1105 e foi coroado como rei de España en 1126. Cómpre lembrar que neste 2026 o Pleno da Corporación acordou nomear ao monarca como Fillo Predilecto da vila, continuando así con este proceso de recuperación histórica da súa figura trascendental.

