O concello de Caldas de Reis promove a xornada familiar sobre igualdade no Tempo de Lecer

Redacción

 A Concellería de Igualdade organiza esta actividade, que vivirá o seu día grande o sábado no Paseo Román López, con espectáculos de maxia, humor, inchables e a elaboración de Murais Corresponsables


 O Goberno municipal segue a potenciar a súa aposta por promover ferramentas que faciliten a conciliación e a educación en igualdade

O Concello de Caldas de Reis potencia a súa aposta pola conciliación e a educación, así como a organización de citas para gozar pola rapazada e os seus achegados máis próximos, coa celebración da Xornada Familiar sobre Igualdade no Tempo de Lecer. A proposta vivirá o seu día grande o vindeiro sábado, 29 de agosto, e concluirá o luns 31, no que tamén se clausurará a Ludoteca de Verán.

A Concellería de Igualdade pon o punto e final á tempada estival cunha programación que está pensada para persoas de diferentes idades e que, ademais de ofrecer unha proposta de diversión, tamén pon o foco non compromiso social e de xénero. O Paseo Román López será o escenario da actividade, que se prolongará ao longo de toda a tarde do vindeiro sábado. A cita dará comezo cun espectáculo de maxia, ás 18.00 horas. Ademais, tamén haberá un parque de inchables e animación musical cun DJ. Unha das actividades máis chamativas serán os Muros Corresponsables, a realizar entre as 18.00 e as 19.30, no que se porá o foco na importancia de promover e consolidar unha sociedade igualitaria en materia de xénero. A Xornada Familiar sobre Igualdade no Tempo de Lecer rematará o luns 31, na derradeira xornada da Ludoteca de Verán. De 10.00 a 12.00 horas terá lugar a Olimpíada Familiar. Ademais, tamén se organizará unha merenda de despedida.

Desde a Concellería de Igualdade lémbrase que para poder tomar parte nestas actividades, todas ellas de carácter gratuíto, será necesaria inscrición previa. As reservas poden realizarse de maneira on line na ligazón publicada na páxina web do Concello de Caldas de Reis, así como nos seus perfís oficiais en Instagram e Facebook. As persoas interesadas poden obter máis información a través dos teléfonos 677555748 ou 692130724 (este último, en horario de 8.30 a 14.30 horas). Tamén existe a opción de enviar un correo electrónico á dirección igualdade@caldasdereis.gal.

Comparte este artigo