O concello de Caldas de Reis proxecta a mellora do pavimento e dotación de servizos básicos no Camiño de San Martiño

Redacción

A actuación contempla a instalación dunha nova rede de pluviais e contará cun orzamento que ascende a máis de 90.000 euros

O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que esta actuación tería que terse acometido por parte da Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, polo que “desde o Goberno local impulsamos o proxecto para evitar máis demoras que afecten á veciñanza”

Dentro da ampla batería de actuacións que o Goberno local de Caldas de Reis está a desenvolver no último ano e medio para incrementar e mellorar os servizos básicos, especialmente nas parroquias do rural, o Concello inclúe un novo proxecto a maiores. Trátase da renovación do pavemento e a instalación dunha rede de pluviais no camiño de San Martiño, pertencente a Arcos da Condensa. Na actualidade, esta vía, que pasa polo núcleo de San Martiño e é moi utilizado pola veciñanza, atópase nun importante estado de deterioro. Tal e como sinala o alcalde, Jacobo Pérez, a reforma “non só vai servir para reforzar a seguridade e dotar a zona dunha nova rede de augas pluviais, senón que tamén consilidará un firme totalmente adaptado e respectuoso con esta contorna”. Tal e como consta na memoria técnica, os traballos incluirán a retirada da superficie actual e a instalación de novos colectores de pluviais, así como sumidoiros lineais con reixa. A maiores, habilitarse unha primeira capa de pavimento continuo de formigón armado, de 15 centímetros de espesor, de cor ocre, con acabado superficial pulido. O seguinte paso consistirá na dotación de pavimento de pedra de granito con pezas de 30x40x12, que se colocarán en franxas perpendiculares ao eixo do camiño. Finalmente, instalaranse, a maiores, máis pezas de granito, de 30x15x6 centímetros, nas marxes exteriores da vía. Deste xeito, garantízase que o firme non chegue a contactar con parcelas, peches e muros de propiedades conlindantes.

O prazo de execución estimado para a realización destes traballos é de 2 meses. O orzamento total ascende a uns 90.800 euros, IVE engadido. Jacobo Pérez fai fincapé na necesidade desta actuación e na importancia de que non se demore máis. Neste sentido, o alcalde caldense lembrou que esta mellora en San Martiño fóra comprometida pola anterior directiva da Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, mentres que o Concello asumiu outras melloras. “Finalmente, desde o Goberno local decidimos darlle nós un pulo a este proxecto, porque non queremos que unha obra tan importante para este núcleo do rural continúe dilatándose no tempo”, explicou. Ademais, Pérez Gulín tamén agradeceu os traballos de limpeza e mantemento que a propia Entidade Menor está a acometer nos últimos tempos na parroquia. O rexedor de Caldas de Reis pon en valor as excelentes relacións coa ELM co cambio de Goberno. “A súa boa xestión, centrada no día a día con limpezas e pequenas reparacións, permite que desde o Goberno local poidamos centrarnos en accións e obras de maior calado. “É unha forma de xestionar que é un exemplo de colaboración entre ambas entidades”, finalizou.

Comparte este artigo