O documento, que será sometido a Pleno nuns días, defende que a actuación se reduza á construción dunha alternativa que conecte a N-550 coa N-640, sen acceso ao Porto de Vilagarcía
O alcalde, Jacobo Pérez, incide na importancia de que o proceso “non se estanque” e que se aproveite a tramitación xa feita para avanzar cara unha solución “sen impacto”
O Concello de Caldas de Reis prevé remitir un escrito ao Ministerio de Transportes y de Movilidad Sostenible un escrito para que o organismo estatal corrobore definitivamente a renuncia á execución do estudio informativo da Variante Oeste tel e como foi sometido a información pública (e contra o que se presentaron milleiros de alegacións), ao tempo que se lle animaa que aproveite o proceso para dar un pulo á proposta que defende a sociedade caldense, que pasa por reducir a actuación á dotación dalgunha alternativa que enlace a N-500 coa N-640, partindo da base do trazado que xa fora presentada polo Concello nos anos 2007-2008.
Este escrito será enviado ao Goberno central unha vez se aprobe na vindeira sesión plenaria da próxima semana. Se ben é certo que hai xa varios meses que a Delegación do Goberno en Pontevedra confirmou ás plataformas e á propia Administración local que o estudo que tanto rexeitamento veciñal produciu quedaba finalmente descartado, o alcalde, Jacobo Pérez, salienta a importancia de continuar insistindo para que o proceso non se estanque e se poida aproveitar para facer realidade canto antes a alternativa que si convence a veciños, veciñas e Concello. “Sempre defendemos que precisamos dunha Variante que conleve menos afeccións ambientais e territoriais das que se expoñían no estudo previo. Nós entendemos que a alternativa que defendemos conlevaría unha importante redución de tráfico, ruído e contaminación na travesía de Caldas de Reis, sen necesidade de desvertebrar varias parroquias nin afectar a vivendas e negocios”, o alcalde caldense, que xa informou aos voceiros das plataformas do punto a debatir no Pleno.
“Como alcalde, para min este sempre foi un tema prioritario e desde o primeiro momento estivemos do lado da veciñanza, porque temos claro que existen alternativas que garantan unha maior seguridade viaria e unha redución de tráfico no centro sen sufrir un impacto tan forte como o estipulado no estudo previo”, indicou Pérez Gulín, quen confía en que o Goberno central dea resposta a esta nova petición no menor tempo posible. Precisamente, no documento solicítase ao Ministerio que comunique por escrito tan pronto como sexa posible que se procede ao estudo da proposta formulada polo Concello de Caldas de Reis.
Cómpre lembrar que o 18 de marzo a Corporación acordou solicitar ao Estado a renuncia formal á Variante Oeste, un requisito básico para conseguir que se lle dera o carpetazo definitivo ao estudo orixinal. “O que prentedemos é aproveitar ese pulo para que se active o estudo da nosa proposta e que o proceso non se estanque, porque estamos a falar dunha actuación que é moi importante para o futuro do noso municipio”, finalizou o alcalde.

