O concello de Caldas de Reis repará o reloxo do campanario da igrexa de San Tomé

adminON
Lectura mínima de 3

Os traballos darán comezo o vindeiro mes de setembro e servirán, tal e como explica o alcalde, Jacobo Pérez, para recuperar un elemento patrimonial histórico

O emblemático mecanismo foi instalado a mediados dos anos 80, logo de ser achegado de xeito altruísta polo matrimonio formado por Ramón Legerén e Luísa Torres

O Concello de Caldas procederá ao arranxo do reloxo situado no campanario da igrexa de San Tomé, un dos símbolos históricos máis importantes do municipio. Así o anunciou o alcalde, Jacobo Pérez, que nestes días pasou revista ao estado deste elemento patrimonial, que permanece avariado desde hai algún tempo. O rexedor caldense explicou que os traballos contarán un orzamento próximo aos 4.000 euros e que a empresa especializada contratada para estas tarefas levará a cabo a actuación a partires do vindeiro mes de setembro.

Deste xeito, tal e como apunta Pérez Gulín, “recuperamos un elemento de gran valor histórico e patrimonial, que é de todas e todos os veciños e que queremos que siga séndoo”. O reloxo álzase no máis alto do espectacular campanario do templo situado na Praza das Palmeiras, un dos puntos de encontro máis importantes e representativos do núcleo da vila termal. O reloxo conta con catro esferas, de 1,5 metros de diámetro, o que permite aos viandantes consultar a hora desde calquera ángulo. O mecanismo está feito de metacrilato, cunha numeración en negro e máquina de minutería, agullas e marco de ferro forxado.

Segundo recolle o historiador local Luis María Salgado, o reloxo foi doado de xeito altruísta no ano 1984 por Ramón Legerén, fundador da Coral Polifónica, e a súa dona, Luísa Torres. Este reloxo servía para substituir entón ao anterior, que contaba con 130 anos de antigüidade. O elemento achegado polo matrimonio caldense foi construido na segunda metade do século XIX. Con esta actuación, recorda Jacobo Pérez, Caldas de Reis recupera un elemento patrimonial moi importante. O Concello dá reposta, deste xeito, a unha vella demanda veciñal. Unha vez rematados os traballos, o reloxo da igrexa volverá soar cada hora con repetición, ademais do correspondente recordatorio cada media hora.

Sons da Terra

O alcalde tamén asistiu esta fin de semana ao programa Sons da Terra, promovido pola Asociación Cultural Terra Calda, en colaboración coa Asociación Campaneiros de Galicia e o Concello. Esta iniciativa, que incluía varias actividades, desenvolveuse entre o venres e o domingo e tiña como obxectivo divulgar a importancia do toque manual das campás, a través de demostracións e obradoiros, nas súas diferentes modalidades.

Jacobo Pérez felicitou ao colectivo Terra Calda por organizar esta proposta e puxo en valor o traballo que desempeña a asociación na promoción e posta en valor da historia, a cultura, a tradición e a riqueza patrimonial do municipio.

Comparte este artigo