As persoas interesadas en adquirir un destes recipientes poden solicitalo chamando ao 647574316, así como na nova xornada informativa sobre compostaxe e reciclaxe de biorresiduos que se levará a cabo no Mercado o vindeiro luns
O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que entre os beneficios da compostaxe atópase a posibilidade de obter material natural que garante unha mellor saúde dos cultivos e prantas, ademais de producir un aforro no recibo do lixo
O Concello de Caldas de Reis continúa repartindo composteiros individuais entre a veciñanza do rural que demande estes recipientes. Deste xeito, o Goberno local reafirma a súa aposta por unha reciclaxe sustentable dos biorresiduos, toda vez que con este tipo de restos, e grazas ao uso destes composteiros, pódese xerar material natural que garante unha boa saúde en cultivos e prantas, ao tempo que se evita o uso de materiais químicos.
Nos últimos días fixéronse entrega de 30 unidades a veciños e veciñas das parroquias do rural. Durante o primeiro semestre de 2025 superáronse xa as 200 entregas. “Existe unha demanda cada vez maior de composteiros por parte da veciñanza, o que demostra o seu compromiso co coidado do medio ambiente, un tema que tamén é prioritario para o Goberno local”, sinala o alcalde, Jacobo Pérez, que recorda que as persoas interesadas en solicitar estes recipientes poden facelo poñéndose en contacto a través do número de teléfono 647574316. Ademais, o vindeiro luns, día 14 de xullo, coincidindo coa celebración do mercado municipal volverase habilitar un punto informativo, no que se asesorará de xeito presencial sobre os beneficios da reciclaxe de biorresiduos, tanto a que se acada mediante o uso de composteiros como coa utilización do contedor marrón. Neste punto tamén se tramitarán solicitudes de unidades individuais.
Ademais de garantir unha xestión máis sustentable, Jacobo Pérez recorda que a compostaxe tamén é un proceso que ten os seus beneficios desde o punto de vista económico, xa que se reduce o número de toneladas de restos que van ao contedor verde e que xestiona Sogama, o que redunda nun aforro na taxa do servizo de recollida do lixo. O Concello de Caldas de Reis leva varios anos aposando pola compostaxe como piar dentro da súa filosofía en chave medioambiental. Ademais de habilitar composteiros comunitarios, incrementouse a dotación de recipientes individuais, ao abeiro de iniciativas como a inclusión no Plan Revitaliza en 2020, promovido polo anterior Goberno provincial da Deputación de Pontevedra. A maiores, nos últimos meses tamén se procedeu a impartir charlas, por partes de técnicos especializados, nos centros educativos para explicar a importancia de apostar por materiais e produtos de refugallo, que garanten unha segunda vida a diferentes tipos de restos.