O concello de Caldas de Reis segue pendente da situación do encoro da Baxe e mantén activo operativo de seguridade e os labores para dar resposta ás incidencias do temporal ‘Herminia’

adminON
Lectura mínima de 4

O alcalde, Jacobo Pérez, salienta o traballo que están a realizar a Policía Local, os membros de Protección Civil e os operarios de Obras e Limpeza 

Nas últimas horas procedeuse á retirada de ramas e árbores en diferentes puntos do municipio. 

O paso do temporal ‘Herminia’ deixou un regueiro de incidencias no municipio de Caldas de Reis, sendo o máis importante a acumulación de auga no encoro da Baxe. O alcalde, Jacobo Pérez, leva desde onte domingo en contacto permanente cos técnicos do embalse, para coñecer de primeira man en todo momento a situación da infraestrutura. Onte foi necesario comezar a ‘laminar’ auga, debido á acumulación de precipitacións rexistrada ao longo de toda a xornada. Neste sentido, Pérez Gulín explicou que “non hai que baixar a garda, porque para o mércores anuncinan a entrada dunha nova fronte con bastante chuvia, polo que temos que estar previdos”. 

A seguridade das persoas é a prioridade número un para o Goberno local, tal e como lembrou o alcalde, de aí que o domingo se anunciase á veciñanza que retirase os vehículos de zonas susceptibles de ser afectadas por un posible incremento do caudal do río Umia. Só na xornada do domingo, a auga do embalse incrementouse ata os seis metros en apenas seis horas, advirte o alcalde, que incide en que “non se trata de ser alarmista, pero está claro que temos que estar moi pendentes da evolucións nestes primeiros días da semana. Falamos co enxeñeiro do encoro cada hora e seguiremos a recomendar medidas de prevención para evitar que un hipotético desbordamento do Umia nas zonas máis sensibles cause máis problemas dos estrictamente necesarios”. Neste sentido, o alcalde referiuse á acumulación de auga que se produxo de maneira puntual na zona da Tafona durante o domingo, un feito que se resolveu procedendo ao destacastamento do sumidoiro de pluviais, que estaba cheo de latas e doutros restos. Neste sentido, Jacobo Pérez apela á concienciación cidadá para “ter sempre nas mellores condicións posibles os espazos públicos, as cunetas e os sumidoiros”. 

Por outra banda, o Concello de Caldas de Reis tamén ten constancia da caída de árbores e de pólas en diferentes puntos do municipio. Uns destes restos tiveron que ser retirados dunha parada de autobús, onde non houbo que lamentar danos personais. O alcalde caldense quixo poñer en valor o traballo que están a desenvolver a Policía Local, Protección Civil e os operarios de Obras e Limpeza nestes días, agradecendo o seu esforzo. Ademais, Pérez Gulín tamén valorou positivamente a resposta dos traballos realizados no seu día en Santa María e na Rúa Pais Pasionistas. “Eran zonas que se asolagaban habitualmente cando se rexistraban fortes precipitacións”, lembra o rexedor, destacando os problemas que se daban en Fornos ou na estrada a Portas. Logo de levar a cabo unha recolocación das tubaxes, acadouse unha mellor distribución da recollida de augas. 

Por último, o alcalde Pérez Gulín fixo un chamamento á veciñanza para que continúe extremando precaucións e para que, en caso de incidencias, se poñan en contacto coa Policía Local ou co propio Concello. 

Comparte este artigo