O concello de Caldas de Reis solicita á Estación Fitopatolóxica do Areeiro a revisión da carballeira

Redacción

A petición foi realizada despois de localizar uns poucos exemplares que se presentaban oquedades e estaban moi deteriorados, probablemente polo paso do tempo

O alcalde, Jacobo Pérez, sinala que o Goberno local queda agora á espera dos informes para ver as actuacións que sexan necesarias levar a cabo para garantir a seguridade

Técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro pasaron revista nestes días á Carballeira de Caldas de Reis, logo de que se detectasen algún exemplares en mal estado. Foi o propio alcalde, Jacobo Pérez, quen se puxo en contacto a principios de mes con esta entidade especializada para solicitar a realización deste estudo. O Concello está agora á espera dos resultados do informe dos técnicos para analizar as medidas a acometer. Neste aspecto, o rexedor caldense deixou claro que “a nosa obriga é garantir en todo momento a seguridade de todas as persoas que transitan por este espazo, que é un dos máis emblemáticos do noso municipio e da provincia de Pontevedra”.

Ao longo das últimas semanas o Concello de Caldas de Reis percibiu que algunhas árbores das máis antigas deste espazo verde presentaban varias oquedades e que semellaban resentirse polo paso do tempo. Son menos de media ducia de carballos, pero, para previr posibles imprevistos, o alcalde, na súa reunión cos responsables da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, solicitu que a revisión se levase a cabo en toda a Carballeira, labor que se levou a cabo esta mesma semana. Jacobo Pérez expresou o seu agradecemento á entidade pola rapidez e sensibilidade á hora de dar resposta a esta demanda. “Esta é unha medida que consideramos moi necesaria, para detectar calquera exemplar que non estea nas mellores condicións e que poidan supoñer un risco”, aseverou Pérez Gulín, que incidiu en que o Xardín Botánico e a Carballeira “son espazos naturais de gran importancia e tradición, pero, sobre todo, tamén supoñen un punto de encontro para un gran número de veciños, veciñas, turistas, peregrinos e visitantes. Garantir que este sea unha área segura para todas e todos é a nosa máxima preocupación”.

Comparte este artigo