O concello de Caldas de Reis traslada á Deputación as queixas veciñais por falta de sinalización e inseguridade viaria na zona das obras da EP-8002

Redacción

 Veciños e veciñas caldenses abordaron co alcalde, Jacobo Pérez, cuestións como a necesidade de que a sinalización do corte da estrada se reforce e que tamén se actúe para garantir a seguridade viaria na vía alternativa pola que transitan os buses escolares, xunto a outros vehículos e peregrinos

 O Goberno local considera que estas peticións son “asumibles e razoables” e confían en que a institución provincial as teña en conta para que as aplique no tramo final dunhas obras que “sabemos que son necesarias”

O Concello de Caldas de Reis vén de dar traslado este venres á Deputación de Pontevedra dun escrito no que constan unha serie de peticións de cara a mellorar e reforzar a sinalización e a seguridade viaria no lugar de actuación das obras que a institución provincial está a acometer na estrada EP-8002, que une o núcleo da vila coa parroquia de San Clemente. O documento recolle as demandas e inquedanzas que un grupo de veciños e veciñas remitiron á Administración local hai apenas uns días. Segundo se recolle no documento presentado ante o alcalde, Jacobo Pérez, a actuación non foi debidamente anunciada, con escasa antelación. Ademais, as persoas afectadas entenden que non se planificaron axeitadamente as vías alternativas, especialmente no que ao transporte escolar se refire. Desde o Goberno municipal sinalan a importancia da mellora que se está a efectuar na estrada, pero tamén deixan claro que tanto a sinalización como o deseño de rutas alternativas son mellorables. “Entendemos que as peticións que fai a veciñanza son asumibles e razoables, polo que confiamos en que a Deputación sexa sensible a estas demandas”, apunta o alcalde, Jacobo Pérez.

Desde o inicio dos traballos, os autobuses que transportan ao alumnado do IES Aquis Celenis teñen que facer uso dunha estrada alternativa moi estreita, na que, ademais, deben compartir espazo con outros vehículos. A isto súmanse os numerosos peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño Portugués cara Santiago de Compostela por esa mesma vía, o que supón un risco para a seguridade viaria. Con respecto á sinalización, no escrito remitido á Deputación de Pontevedra propóñense medidas de reforzo no que resta ata a finalización da obra, aínda que a veciñanza lamenta que non se tivera actuado antes. Tal e como denuncian os veciños e veciñas da zona, actualmente as sinais instaladas non son suficientes, xa que a información atópase demasiado preto do corte previo a onde se están realizando as obras, o que deixa sen opcións de cambio de traxecto aos condutores e condutoras. Unha solución sería indicar estes desvíos con algo máis de antelación.

Jacobo Pérez e o grupo de Goberno confían en que a Deputación de Pontevedra sexa sensible a estas achegas e as fagan realidade para, polo menos, paliar o problema de aquí á finalización da actuación. O Concello tamén traslada a súa predisposición a colaborar no que sexa necesario, dentro das súas competencias, para facilitar estas melloras.

Comparte este artigo