• A primeira fase da actuación contará cun orzamento de máis de 270.000 euros e será executada pola empresa Excavaciones y Construcciones Pérez Portela
• O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que a dotación de servizos básicos no rural caldense é un dos obxectivos primordiais do Goberno local e que se está a avanzar para completar esta folla de ruta
O Concello de Caldas de Reis continúa a poñer o foco na dotación e ampliación de servizos básicos no rural. Ademais de impulsar novos proxectos, como o anunciado hai uns días para os núcleos de Baltar, Faramontáns e a contorna da igrexa de San Clemente, tamén se está a completar a fase administrativa de actuacións con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, correspondente ao exercicio de 2024. Este é o caso da obra de instalación dunha nova rede de saneamento en Soutelo de Abaixo, pertencente á parroquia de Saiar. O alcalde, Jacobo Pérez, confirmou que o proxecto, que foi aprobado polo Concello a principios deste 2025, foi adxudicado á firma especializada Excavaciones y Construcciones Pérez Portela.
Foron un total de cinco as empresas que se presentaron ao concurso de licitación. Finalmente, a obtra contará cun orzamento que ascende a 270.816,88 euros, IVE engadido. Tal e como lembra o rexedor caldense, estes traballos equivalen a unha primeira fase, que se ampilará no futuro para seguir extendendo a rede de servizos básicos. “Estamos a falar dunha zona que abarca moito territorio, pero pouco a pouco imos avanzando para dotar ao noso rural de prestacións e infraestruturas de primeiro nivel, que garantan unha boa calidade de vida para a veciñanza”, sinalou Pérez Gulín. Se non se produce ningún contratempo, a obra dará comezo nos vindeiros días e será unha realidade en poucos meses. Hai que lembrar que o Concello de Caldas de Reis tamén vén de impulsar en Saiar outra obra moi similar, para dotar de canalizacións de saneamento á contorna do núcleo da Igrexa. No caso de Soutelo de Abaixo, a empresa adxudicataria procederá a ampliar a rede de recollida de augas, para que estas sexan tratadas na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR).

