Un total de cinco empresas competiron para levar a cabo un proxecto que recuperará a antiga Casa do Pobo dun xeito moderno e funcional para uso e desfrute da veciñanza
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de adxudicar á empresa Eicros Gestión, S.L. por un importe de 141.933 euros, ademais dunha serie de melloras que achegarán preto de 23.000 euros á reforma e ampliación do Centro Sociocultural de Corredoira. Esta empresa será a encargada agora de facer realidade o proxecto técnico deseñado pola arquitecta local María García que imprimiulle un interese especial na concepción e esixencia das melloras para este edificio obxecto do contrato sacado a licitación pública. En total foron cinco as empresas que puxaron por esta obra atendendo a un exhaustivo pliego preparado polos técnicos municipais co fin de conseguir, dun xeito equilibrado, a mellor oferta en canto a custes económicos como calidade e capacidade de execución da obra a levar a cabo. A Casa do Pobo de Corredoira foi adquirida polo Concello de CerdedoCotobade ao Ministerio de Emprego por un importe de 25.166 euros para ser posta a disposición dos colectivos e veciños desta parroquia despois de confirmar que esta edificación fora incautado polo franquismo, despois de prolongadas negociacións cos responsables ministeriais en Madrid levadas a cabo polo alcalde, Jorge Cubela. PROXECTO CONTRUTIVO MODERNO PARA GAÑAR EN OPERATIVIDADE O proxecto construtivo pretende dar resposta á funcionalidade do edificio así como a mellorar a súa imaxe exterior para adecuala aos novos tempos e ás necesidades de uso por parte dos veciños e veciñas de Corredoira. Así, as obras transformarán o local nun novo edificio con salón de usos múltiples, un espazo para albergar unha terraza cuberta e acristalada, balcón, cociña, asadeiro, amplio cuarto de baño de uso convencional e para persoas con problemas de mobilidade e un pequeno almacén. Entre as melloras ofertadas polo adxudicatario están o subministro dunha estufa de pellets, a colocación de varias contraxanelas, un armario metálico para unidad exterior de clima, varios tipos de revestimentos e acabados, mobiliario e equipamento de cociña, elementos e accesorios para o cuarto de baño. O alcalde Jorge Cubela sinalou que “coa adxudicación da obra está xa máis preto o día en que os veciños e veciñas de Corredoira poidan disfrutar dun edificio moderno e operativo que dea resposta ás necesidades dos colectivos e dos propios veciños da parroquia. Neste tema fumos sempre da man dos veciños e agora o que agardamos é que a pandemia nos permita recuperar a nosa normalidade e fomentar os encontros de boa veciñanza, a convivencial veciñal e dotar dun espazo para o lecer das persoas maiores e dos mozos e mozas de Corredoira”, indicou o rexedor.