• A iniciativa pretende concienciar á veciñanza e ás novas xeracións sobre a necesidade de apostar polo desenvolvemento sostible, insistir na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e loitar pola conservación ecolóxica
O Concello de Cerdedo-Cotobade conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente coa plantación dunha “Árbore por Europa” en cada un dos colexios do municipio así como nos arredores do depósito municipal de Cerdedo no que parcitipou o alcalde Jorge Cubela López.
Deste xeito, o Concello de Cerdedo-Cotobade adhírese á campaña medioambiental “Unha árbore por Europa” para concienciar ás xeracións futuras na loita contra o cambio climático e o desenvolvemento sostible.
Para iso, o Servizo de Medio Ambiente do Concello, que coordina a técnica municipal Cristina Tomé, organizou a plantación de 3 árbores ( carballos e cerdeira) en cada un dos colexios do concello (Carballedo, Tenorio e San Xoan Bautista de Cerdedo) e 8 árbores autóctonas (castiñeiros, carballos e biduieros) nos arredores do depósito municipal de Cerdedo.
“Unha árbore por Europa” é un manifesto que naceu por iniciativa da asociación xuvenil Equipo Europa, por mor dunha proposta de David Sassoli, presidente do Parlamento Europeo. Nel, os concellos participantes, nas figuras dos seus alcaldes ou alcaldesas asumen o compromiso de plantar polo menos unha árbore no seu municipio, visibilizar a importancia do desenvolvemento sostible no ámbito local e involucrar aos mozos nos procesos de toma de decisións en materia de sustentabilidade local.
Equipo Europa é unha asociación composta por mozas, entre 14 e 30 anos, comprometidos cos valores da Unión Europea e a campaña “Unha árbore por Europa” busca aumentar a conciencia social acerca da sustentabilidade no ámbito local e fomentar a colaboración entre as autoridades locais e a sociedade civil, e en especial a mocidade, á hora de promover o desenvolvemento sostible. Así mesmo, recoñécese o papel fundamental da mocidade na consecución da sustentabilidade local, pois o seu interese no desenvolvemento sostible, a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e a conservación ecolóxica fíxose patente no último ano.
A esta campaña, na que participaron de xeito activos os escolares dos centros educativos do municipio de Cerdedo-Cotobade, adheríronse xa máis de 500 concellos de toda España.



