HomeTabeirósCerdedo - CotobadeO Concello de Cerdedo-Cotobade remata a actuación de mellora da pista municipal...

O Concello de Cerdedo-Cotobade remata a actuación de mellora da pista municipal de Piñeiro a Tresaldeas, en Quireza

- Anuncio -spot_img

• Construíronse novas cunetas, sistemas de recollida de auga e drenaxe e repuxéronse as entradas ás fincas colindantes co vial

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de dar por rematada a actuación de mellora da pista municipal que vai desde Piñeiro a Tresaldeas, na parroquia de Quireza e que supón unha intervención na mellora da rede de comunicación do interior do municipio sobre unha lonxitude de estrada duns 250 metros.

Esta actuación, financiada a cargo do Plan Concellos, contou cun orzamento próximo aos 21.000 euros e permite continuar coa adecuación do trazado que vai desde o núcleo de Os Castros (Quireza) co entronque de Barbeira (Tomonde) iniciado xa con anterioridade e que agora se ve ampliado con este novo investimento municipal.

Os traballos, que se acometeron grazas ao aproveitamento das rebaixas feitas polas empresas concesionarias de varias obras incluídas no Plan Concellos, centrouse básicamente na mellora das cunetas, que foron obxecto dun saneamento integral e formiganado posterior, así como a construción de sistemas de recollida de augas pluvias e drenaxe.

Ademais, aproveitouse a intervención para levar a cabo a reposición de entradas nas fincas colindantes co vial así como a mellora da seguridade tanto para o tráfico rodado como para os viandantes que utilicen esa estrada de titularidade municipal.

Segundo Jorge Cubela, “con este tipo de intervencións no rural do municipio imos mellorando non só a seguridade viaria da amplia e tupida rede de comunicación interior senón que tamén nos permite vertebrar dun modo maís axeitado o noso concello dándolle respostas ás demandas da veciñanza ao tempo que modernizamos a conectividade entre os nosos veciños e veciñas á hora de facer os seus desprazamentos. Para nós é fundamental atender as demandas dos nosos veciños tamén en zonas menos poboadas, pero que teñe os mesmos dereitos que outros que residen en núcleos máis grandes. Para nós tódalas necesidades son prioritarias e iremos resolvéndoas na medida en que poidamos e coa urxencia debida sempre desde un punto de sostenibilidade orzamentaria e de eficacia real do investimento a acometer, como neste caso”, indicou o alcalde.

Publicacións Relacionadas