A Administración local contratará de xeito temporal a 20 persoas, con contratos de xornada completa e 9 meses de duración, a través da achega de 468.000 euros tramitada ante a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
O proceso selectivo está aberto a persoas que estean anotadas como demandantes de emprego na Oficia de Emprego de Caldas de Reis
O Concello de Caldas de Reis prevé poñer en marcha na maior brevivade posible unha nova edición do Obradoiro de Emprego ‘Os Camiños do Camiño’, que chegará á súa quinta convocatoria. O Goberno municipal retoma esta iniciativa, que servirá para contratar de xeito temporal a 20 persoas en situación de desemprego, despois de que non puidese acceder ao programa nos últimos anos, ao contar con menos de 500 desempregados. Co cambio de criterio realizado pola Xunta de Galicia, que agora pon o límite en 300, Caldas de Reis puido volver a solicitar unha subvención para acometer esas contratacións temporais. Precisamente, a confirmación da obtención da achega por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cristalizou hai uns días. A contía ascende a 468.052 euros.
Os contratos serán a xornada completa, cunha duración de nove meses. O Concello confía en que o obradoiro poida comezar a principios de xuño, se non antes. Para poder entrar no proceso de selección será necesario estar anotado ou anotada como demandante de emprego na Oficina de Emprego de Caldas de Reis. O alcalde, Jacobo Pérez, anima aos interesados e interesadas a pasarse polas dependencias para resolver dúbidas e completar os pasos para entrar no proceso selectivo. “Confiamos en que, ao igual que en edicións anteriores, o obradoiro se traduza nun elevado nivel de inserción laboral”, sinalou.
O Obradoiro de Emprego ‘Os Camiños do Camiño’ empregará a 10 persoas en tarefas de albanería e outras tantas para labores de carácter forestal e de xardinería, centrándose na conservación e mellora de zonas verdes. En concreto, estes grupos traballarán na mellora e mantemento do espazo no que se empraza a antiga Fábrica da Luz, na Fervenza do Segade. O obectivo é promover a súa recuperación paisaxística e patrimonial. Ademais, tamén se poñerán a punto diferentes camiños e rutas de sendeirismo, así como A Tafona. Están previstas actuacións en diferentes parroquias para o arranxo de fontes e lavadoiros. Jacobo Pérez reafirma o compromiso do Goberno local á hora de buscar ferramentas que axuden a seguir mellorando os datos de desemprego, consolidando a tendencia positiva que se está a lograr nos últimos anos .

