• As contías por cada neno ou nena nado entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024 serán de 300 euros, que se incrementan a 500 para familias numerosas, monoparentais ou para crianzas que padezan algún tipo de discapacidade ou situación de dependencia
• O prazo de solicitudes abrirase nos vindeiros días e permanecerá operativo ata o vindeiro 13 de decembro, inclusive
Un ano máis, o Concello de Cuntis aposta por poñer en marcha mecanismos que axuden a paliar o descenso de nacementos que padece, de maneira xenérica, a Comunidade Autónoma de Galicia. O Goberno local vén de aprobar as bases do programa de axudas para natalidade, correspondente a este ano, e da que se verán beneficiadas aquelas familias nas que haxa un nacemento entre o pasado 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024. Tal e como explica o alcalde, Manuel Campos, a contía total ascende a 5.000 euros e as axudas por neno o nena serán de 300 euros, sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos nas bases. Esta cantidade incrementarase ata os 500 euros para familias numerosas ou monoparentais, así como en casos de nenos ou nenas que padezan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% ou estea acreditada a súa situación de dependencia.
Poderán optar a estas axudas aquelas familias que estean empadroadas en Cuntis e cuxos fillos e fillas nadas pasen a estar tamén inscritas no Padrón municipal un mínimo de dous anos posteriores ao seu nacemento. Ademais, as achegas van dirixidas a unidades familiares cuxa renda no ano 2023 fose inferior ao 45.000 euros anuais, cunha renda per cápita inferior a 13.500 euros. Unha vez aprobado o documento, está previsto que nos vindeiros días as bases pasen a ser publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo), así como na Sede Electrónica do Concello de Cuntis. O período para a presentación da documentación abrirase un día despois deste anuncio. O prazo permanecerá operativo ata o 13 de decembro, inclusive. As xestións poderanse realizar na Casa Consistorial.
O alcalde anima á veciñanza a poñerse en contacto co Concello en caso de que sexa preciso resolver algunha dúbida e lembra que esta liña de axudas é unha iniciativa plenamente consolidade polo Goberno municipal de Cuntis desde hai xa varios anos. “O problema do descenso de nacementos e de despoboación é algo que afecta a toda Galicia, algo ao que non somos alleos. Por iso, tratamos de buscar solución para fomentar e reactividar a natalidade na nosa vila”, sinala Manuel Campos, que incide na importancia de axudar ás nais e pais con achegas económicas que sirvan para paliar as cargas que colevan os primeiros meses de vida dun bebé.
Esta liña de subvencións súmase a outros servizos que o Concello de Cuntis presta en benificio das crianzas e das familias, como é o caso do Cuntilín, un programa de conciliación que permanece operativo durante todo o ano e que é gratuíto, sendo a vila termal un dos poucos municipios da provincia de Pontevedra que oferta esta prestación sen coste algún para os usuarios e usuarias.