A actuación permitiu liberar visualmente a contorna da praza, mellorar a fachada do inmoble e reforzar a actividade nun dos espazos máis dinámicos da parroquia
O Concello de Marín acaba de rematar unha actuación levada a cabo na parroquia de Seixo, centrada na mellora da estética urbana e na posta en valor dun dos espazos máis concorridos do lugar.
Nos últimos meses procedeuse ao soterramento do cableado de telecomunicacións, unha intervención moi demandada pola veciñanza debido ao forte impacto visual que estas instalacións xeraban no conxunto do espazo público.
Esta actuación permitiu liberar visualmente a nova praza do mercado e a súa contorna máis céntrica, recuperada para a veciñanza hai anos grazas ao proceso de humanización e mellora urbana que se levou a cabo.
Durante os traballos de retirada do cableado antigo, detectáronse danos na fachada do Mercado de Seixo, provocados polo feito de que moitas destas instalacións estaban directamente adheridas ao edificio. A raíz desta situación, e aproveitando a vontade xa existente de mellorar a imaxe do inmoble, o Concello decidiu acometer unha actuación de acondicionamento da súa fachada.
Os traballos incluíron o repintado da fachada, o chorreado das zonas en pedra para recuperar o seu aspecto orixinal e a colocación do logotipo corporativo do Concello na parte central, elaborado en pedra e integrado esteticamente coas letras xa existentes do mercado.
Con esta intervención, o Concello de Marín busca reforzar a harmonía estética do centro urbano do Seixo, un espazo de gran actividade social e económica no que se concentran numerosos bares, comercios e establecementos hostaleiros. Así mesmo, preténdese contribuír á dinamización do propio Mercado e da praza que o rodea, consolidando este ámbito como un punto de encontro atractivo e de referencia para veciños e visitantes.



