HomeO MorrazoMarínO Concello de Marín tramita 2.482 denuncias de tráfico en 2025

O Concello de Marín tramita 2.482 denuncias de tráfico en 2025

- Anuncio -spot_img

A maioría das infraccións están relacionadas co estacionamento indebido e concéntranse nos últimos meses do ano, cunha recadación de máis de 188.000 euros

O Concello de Marín vén de facer balance do informe de xestión das multas de tráfico correspondente ao ano 2025, no que se recolle a tramitación dun total de 2.482 denuncias ao longo do exercicio.

Segundo os datos recompilados, o 48% das infraccións corresponden a vehículos do propio municipio, mentres que case o 35% proceden do resto da provincia e arredor dun 16% doutras provincias. Do total de denuncias, 123 levaron aparellada a perda de puntos do carné de conducir.

En canto á localización das infraccións, os puntos que rexistraron unha maior incidencia foron a Avenida de Ourense (339 denuncias), a rúa Jaime Janer (272), a Praza de España (323) e Concepción Arenal (156), entre outras vías do casco urbano.

No relativo á gravidade das sancións, preto do 70% das infraccións foron consideradas graves, mentres que o 28% foron leves e un 3% moi graves. A tipoloxía das denuncias evidencia que a maioría están relacionadas co mal estacionamento, aínda que tamén destacan as sancións por consumo de alcohol e drogas ao volante e por non respectar a sinalización viaria.

Por tipo de vehículo, o 85% das denuncias corresponden a turismos, seguidos a distancia polas furgonetas, que representan arredor do 5%.

Cobro de 1.810 multas, a gran maioría no período voluntario

No apartado económico, durante 2025 cobráronse 1.810 multas, o que supuxo unha recadación total de 188.336 euros. A gran maioría destas sancións foron abonadas dentro do período voluntario de pagamento.

O informe tamén reflicte que os últimos catro meses do ano concentraron case o 50% do total de denuncias, sendo o período de maior intensidade en canto á imposición de sancións.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, valorou estes datos subliñando a importancia da concienciación cidadá: “Estes datos deben servirnos para reflexionar sobre a necesidade de mellorar o noso comportamento ao volante.
Non se trata só de evitar sancións, senón de garantir a seguridade de todos os usuarios da vía pública”.

Ramallo fixo tamén un chamamento á responsabilidade tanto na condución como no estacionamento: “Un estacionamento incorrecto pode xerar problemas de mobilidade e mesmo situacións de risco. Respectar os usos de cada espazo é fundamental”.

Publicacións Relacionadas