HomeVigoMosO Concello de Mos aborda a menopausa desde unha mirada de saúde,...

O Concello de Mos aborda a menopausa desde unha mirada de saúde, respecto e visibilidade

- Anuncio -spot_img

O Pazo de Mos acolleu esta tarde a charla informativa “Falemos de menopausa”, unha actividade organizada polo Concello de Mos e impartida pola matrona Andrea Graña Soto.

O encontro reuniu a numerosas mulleres interesadas en coñecer máis sobre esta etapa vital, que forma parte do ciclo natural da vida feminina e que, tal e como destacou a alcaldesa Nidia Arévalo, “non é unha enfermidade, senón unha etapa máis que debemos vivir con información, coidado e liberdade”. Debido a esta gran acollida da iniciativa e co obxectivo de favorecer unha experiencia máis práctica e participativa, a matrona ofrecerá unha segunda sesión o vindeiro 20 de novembro, tamén no Pazo de Mos.

Durante a súa intervención, a rexedora puxo en valor a importancia de abrir espazos de conversa e formación sobre saúde feminina, destacando que “falar con naturalidade da menopausa é tamén unha forma de visibilizar o que tantas veces se cala e de derrubar prexuízos sociais arredor da idade e do corpo das mulleres”.

Andrea Graña abordou aspectos como os síntomas e cambios físicos máis frecuentes, os tratamentos e suplementos dispoñibles, o autocoidado e o estilo de vida saudable que axudan a afrontar esta etapa con benestar e equilibrio. A sesión foi dinámica e participativa, coa presenza de numerosas veciñas que compartiron dúbidas e experiencias persoais.

A actividade enmárcase dentro do programa municipal de promoción da saúde e benestar das mulleres, que o Concello de Mos impulsa de maneira transversal a través das áreas de Igualdade e Sanidade.

Arévalo lembrou ademais que este mes de novembro Mos conmemora o 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, baixo o lema “As violencias invisibles tamén doen”, e subliñou que “tamén existen formas sutís de violencia que nacen do silencio, da falta de información e da desvalorización das mulleres en determinadas etapas da vida. Por iso é tan importante falar, compartir e acompañar”.

O Concello de Mos continuará promovendo accións formativas, divulgativas e de acompañamento emocional que poñan no centro o benestar das mulleres e o dereito a vivir todas as etapas da vida con saúde, dignidade e respecto.

Publicacións Relacionadas