O Concello de Mos vén de aprobar na súa última Xunta de Goberno Local a concesión da licenza municipal para a construción dunha nova estación de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) nas parcelas D-6-a e D-6-b do Parque Empresarial da Veigadaña, que estará operativa no vindeiro ano 2026.
A empresa promotora do proxecto é SyC Applus, entidade que desenvolve este servizo en toda Galicia, e que prevé dotar ao municipio dunha infraestrutura moderna e eficiente, adaptada ás necesidades actuais do parque móbil da comarca.
A nova estación contará cun edificio de máis de 2.000 metros cadrados construídos, distribuídos en planta baixa e primeira planta, que incluirá catro liñas de inspección (dúas para vehículos lixeiros e dúas universais, aptas para vehículos pesados), un box específico para motocicletas e un túnel ATP para a inspección de vehículos frigoríficos.
O edificio, que se situará no centro da parcela de 6.440 m², estará dotado de oficinas, vestiarios, zona de atención ao público, talleres e espazos auxiliares, garantindo unha circulación fluída de vehículos grazas ao deseño de acceso e saída independente.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “con esta aprobación seguimos facendo do noso parque empresarial un espazo atractivo para novos investimentos, xerador de emprego e servizos, e contribuímos a que a veciñanza de Mos e da contorna poida realizar as inspeccións dos seus vehículos sen necesidade de desprazamentos longos”.
A nova estación de ITV supón unha importante mellora para a seguridade viaria e a calidade dos servizos no municipio, e contribuirá a dinamizar economicamente o Parque Empresarial da Veigadaña, consolidándoo como un polo de referencia industrial e de servizos na Área Metropolitana de Vigo.